xoves, 27 de novembro de 2008

"O Segrel do Penedo" en Radio Fusión

Onte, 26 de novembro, O Segrel do Penedo foi invitado por Radio Fusión, a nosa radio local, a falar sobre Bibliotecas Escolares.

Se queredes escoitar a entrevista completa só tedes que entrar en Radio Barullo, a nosa Radio Escolar.


Chegamos ás 10.50 á Casa do Concello e todo hai que dicilo, estábamos unha miaxiña nervosos. Non é este o medio onde soemos desenvolvernos, pero grazas a Almudena Marcos, unha grandísima profesional, sentímonos tan a gusto que, como xa ela nos comentara antes de comezar a entrevista, esquecimos completamente que estabamos ante un micrófono.

Durante case media hora falamos do modelo de biblioteca escolar, do papel que as bibliotecas escolares están a desenvolver nos centros de ensino, da labor dos coordinadores e dos equipos de apoio, da Asesoría de Bibliotecas, do Plambe, da Hora de ler, dos Clubs de lectura, das Mochilas viaxeiras, de Agabel... e tamén, como non, das necesidades que teñen as nosas Bibes. Como íamos deixar de falar do que tanto nos preocupa?

E falando de bibliotecas non podíamos esquecer o fomento da lectura, o importantísimo papel da familia na adquisición do hábito lector... e por suposto a visita da Ministra a Galicia para a sinatura da addenda 2008 ao convenio para a mellora das bibliotecas escolares, acto no que tamén estivo presente o IES de Fene.

3 comentarios:

Ronsel dixo...

Sodes a.... Parabéns, coma sempre, por estar no "candelabro" que dirían os máis cultos, é dicir, os máis lidos. Bicos

olga dixo...

Eu non consigo oirte, pero son capaz de adiviñar o que dís. E mesmo como o dis.
Así que, grazas por ser a voz das biblioteca escolares galegas na radio Fusión (¡que nome tan emocional!)
Bicos.

O Segrel do Penedo dixo...

Ronsel, eu non sei se estamos no "candelabro" ou non, pero o que si sei é que tentamos, con todos os medios ao noso alcance, que se "faga a luz", pois comezamos a estar unha miaxiña fartos de tanto "lusco e fusco"

Nautilus, sinto que non podas oirme, así que espero non defraudar esas "adiviñas amigas"

Bicos para as dúas !!!!

Related Posts with Thumbnails