viernes, 14 de noviembre de 2014

Jorge Mira "A Ciencia no Punto de Mira"


Con motivo da celebración do Mes da Ciencia en Galego, coa intención de poñer en valor o uso do galego no ámbito científico e de contribuir á investigación desenvolvida na nosa lingua, e dentro do programa "Fene coa ciencia en galego", o catedrático da área de Electromagnetismo do Departamento de Fisica Aplicada da USC, Jorge Mira, impartiu unha charla "A ciencia no punto de Mira" no IES de Fene.

Esta é a crónica feita pola rapazada:

"O pasado mércores, Bachiller e 4º de ESO asistimos a unha charla do famoso Jorge Mira, que, como el mesmo comentou, se lle coñece noutros centros aos que asistiu por "el matemático de Cifras y Letras". Despois dunha emotiva introdución dun dos nosos ex-profesores, Antonio Orozco, puidemos coñecer que este ano é a primeira vez que se celebrará o Mes da Ciencia en Galego, e ese é un dos motivos polos que ambos estaban alí.

Fixo un comezo explicando a evolución da reprodución, tanto animal coma humana: Parece ser que, nun principio, o aparello reproductor masculino non tiña a forma que hoxe coñecemos nunha gran parte das especies, o que dificultaba o acto sexual. "A natureza atopou entón o sexo. Que eso non significa que atopara unha páxina porno", concluíu con retranca.

 A importancia do pelo púbico, as recentes preferencias faciais dun home ante as mulleres, a venda que a publicidade fai dun corpo feminino anoréxico e con peso excesivamente baixo, ou unha explicación de que as mulleres están inconscientemente máis atractivas nos días de ovulación foron unha parte dos temas tratados. Explicado dunha forma moi dinámica e fresca, Jorge foi capaz de atraer a atención de todos e relatar as cousas con exemplos divertidos e sinxelos de entender, ademáis de asegurarnos con datos de todo tipo as cousas que nos estaba amosando.

 O tempo foi curto, así que a parte final quedou para unha das súas maiores anécdotas como científico. Querendo comprobar xunto a un amigo unha estrofa de Isaías, da Biblia, que falaba sobre o ceo, amosaron con probas que o Ceo estaba máis frío ca o Inferno, e o publicaron nunha importante revista inglesa. Poucos días despois, Mira recibiu unha chamada dunha inglesa. "Tiña un acento moi raro", dixo a súa nai; "Pois debe de ser de Camariñas", dixo responder el cando aquilo sucedeu, un chiste que os da Costa da Morte podemos entender moi ben. A xove aseguraba que o seu artículo era erróneo, pois facía anos un científico inglés calculaba que era o Ceo o que estaba máis quente ca o Inferno. A escandalosa nova apareceu en multitude de revistas e xornais españois, italianos e alemáns, e os pobres tiveron que facer un novo texto onde disculpar que a quen estaban rebatindo era ao personaxe da Biblia, e non ao outro señor.

 En resumo, a charla foi grandiosa. Repleta de datos interesantes que non se explican nos libros de texto, amena, fácil de entender, levadeira... Definitivamente foi unha conferencia que tumbou ao estereotipo de charla aburrida, e asegurou unha forma eficiente de reflexarnos algunhas cousas da maneira máis natural posíbel. Ogallá se puidera repetir a experiencia, todos quedamos con ganas de máis!"
Mariña Gándara 1º Bacharelato

"Hoxe tivemos unha charla co catedrático Jorge Mira. Sinceramente, foi a mellor charla que tiven nunca. Xa que conseguiu que non nos aburrísemos en ningún momento.

Jorge falounos de moitas cousas relacionadas coa ciencia, pero a parte que máis me gustou foi cando falou das modelos de hoxe en día, xa que a súa masa corporal media estaría en tercer grado de desnutrición, algo horrible que non entendo como se permite na nosa sociedade. E ahí é cando Jorge di una frase que me encantou: “ Están turpando a súa esencia”. Con isto refírese a que non a tratan coma mulleres, senón coma perchas colgantes.

Outra cousa que me pareceu moi interesante foi cando falou dun traballo que fixera cun compañeiro seu sobre a temperatura á que estaba sometida o ceo e mais o inferno. Cando o remataron, a Jorge chamoulle unha rapaza dende Canadá dicíndolle que ese mesmo traballo o facera un tal David Allan, pero con calculara mal e isto causou unha gran polémica medíatica por todo o mundo.

Finalmemte gustoume os premios nobels que foran otorgados a descubrimentos moi curiosos.

Jorge fálanos do seu novo libro " A ciencia no punto de mira" e danos o seu tweeter : @JorgeMiraUSC."
Miriam Martínez 4ºESO

"A min en particular, gústoume moitisimo esta charla porque penso que todos os aspectos a tratar, eran uns temas moi divertidos e el soupo chegar a todo tipo de persoas, tanto ao profesorado, coma ao alumnado do centro e isto fixo que a sua presenza fora tanto didáctica como divertida. 

De verdade que me encantou e pareceume moi simpatico. Gustaríame que un día volvera para poder falar e aprender moito máis desta forma tan divertida!"
Noa Rascado 4ºESO

"A miña opiniòn persoal sobre a visita do Físico galego Jorge Mira ao noso Instituto fascinoume xa que a física é unha das miñas materias favoritas e tamén porque os temas que abordou na charla me encantaron, a pesar de que o tempo fose pouco."
Marcos Varela 4º ESO




Related Posts with Thumbnails