lunes, 24 de noviembre de 2014

A Semana dos Xogos de Mesa Tradicionais

A pasada pasada no Segrel celebramos a Semana dos Xogos de Mesa Tradicionais e foi todo un éxito. Por primeira vez, durante os recreos, os ordenadores da biblioteca quedaron sen usuarios... non é que nós sexamos contrarios a o uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación, pero gozamos moitísimo comprobando que cando á rapazada de todas as idades, dende 1º da ESO ata 2º de Bacharelato, cando se lle ofertan novas posibilidades no seu tempo de lecer a súa resposta é extraordinaria.

Ana e Suso, veciños e usuarios do Segrel (Suso é membro do noso club de lectura de pais e nais dende a súa creación, as súas dúas fillas Iria e Aldara, foron alumnas do noso centro), propietarios da empresa Buxaina, (dende O Segrel apoiamos as tendas do noso barrio, ao pequeno comercio e aos emprendedores) o pasado luns chegaron  cargados de maravillosos xogos de mesa e logo dunha pequena presentación onde nos falaron da súa historia e evolución comezamos a xogar.

Durante unha semana o Carron, un dos xogos de mesa máis antigo que se coñece, moi popular na India e o favorito do noso alumnado máis novo; o Muíño, a súa orixe remóntase ao Imperio Romano; as Damas chinesas, que teñen a súa orixe na Alemaña do século XIX; o Chaturanga, orixinario da India e considerado o avó do xadrez, foi un dos pedidos polo alumnado de bacharelato..., o Surakarta, orixinario de Indonesia; o Alquerque, a súa orixe remóntase ao antigo Exipto; o Tablut, de orixe viquingo; o Bagh Chal, tradicional do sur de Asia e que, aínda hoxe, goza dunha grande popularidade en Nepal; o Ritmomaquia, xogo de cálculo matemático que ten a súa orixe na Idade Media; o Parchisi, precursor do Parchis e un dos xogos de mesa máis importantes da India, o Senet, inspirado no Senet de Amenhotep III que hoxe se exhibe no Museo de Brooklin en Nova York; Cans e Chacais, do Antigo Exipto e un dos xogos de mesa máis antigos que se coñecen, e moitos máis...

Como podedes comprobar, durante a semana que dende Buxaina nos achegaron a esta fantástica colección, xogamos e viaxamos no tempo por distintas culturas. Unha semana que non nos chegou a nada e xa estamos esperando, como auga de maio, que nos chegue o pedido co que O Segrel quer agasallar aos seus magníficos "visitantes" (non nos gusta nada o termo "usuario"!!).

Velaí tedes unha mostra do que aconteceu nesta última semana no Segrel.

Related Posts with Thumbnails