Sempre é un día grande no IES de Fene, pero nesta ocasión foino, se cabe, un pouco máis pois tamén celebrábamos o premio acadado polo blogue da nosa biblioteca.
O Segrel do Penedo, “2º Premio de Blogues de Centros” no II Premio Espiral Edublog.
As actividades comezaron ás 10.25 con “Poemas para Un Día”, actividade realizada polo alumnado de 1º e 2º de ESO e na que a poesía galega e os seus autores son os protagonistas principais.
Cada alumno confecionou o seu libriño de poemas e os gañadores da proba leron un poema elixido por eles en Radio Barullo.
Ás 11.15 pasamos á seguinte actividade “As Caras das Letras". Nesta ocasión, os participantes tiñan non só que organizar o seu libro con distintos autores aos que se lles adicou o Día das Letras, senón que tamén debían buscar certa información sobre os mesmos.
Despois do recreo, que algún dos equipos participantes prefiriu dedicar a rematar as probas anteriores, comezou a segunda parte da celebración na que participaban todos os grupos, dende 1º a 3º de ESO. (Nesta ocasión non tivemos conosco ao alumnado de 4º xa que tiñan unha saída á Coruña)
Ás 12.30 comezou a Xincana Cultural, oito probas que remataban cunha novidade, a lectura dun acto da obra de teatro "O cartafol de Ruperto" de Xosé Agrelo Hermo.
Tamén enchemos os corredores que levas á nosa biblioteca coas suxestións de lectura dalgún dos nosos libros favoritos. Nesta ocasión fixemos nosa unha actividade que propón o protagonista dunha das historias da última obra de Agustín Fernández Paz "O único que queda é o amor" e que dende aquí recomendamos a súa lectura.
E como non, tamén participamos no festival "A Mocidade Coa Lingua" que tivo lugar no Parque Raíña Sofía en Ferrol coa actuación do grupo "Matutanos" formado por alumnado de 3º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
Os rapaces e rapazas participaron nunha serie de actividades nun contexto onde a busca de información, os libros, a literatura, a nosa cultura, a música e a diversión estiveron presentes ao longo de toda a xornada. Todo un éxito.
Parabéns a todos e todas as participantes, alumnado e profesorado. O ano que ven máis!!!!!
2 comentarios:
Parabéns por tan extraordinario traballo.
Que chulo, sempre ideando cousas e facéndoas ben.
Bicos
Publicar un comentario