martes, 11 de marzo de 2008

Entrevista ao profesor Van Helsing


Nathaniel Van Helsing (Amsterdam, 1924) está de visita no instituto para entrevistarse co noso director. É bisneto de Abraham Van Helsing, o cazavampiros da novela “Drácula” de Bram Stoker. A pesar da idade, mantén un aspecto atlético e fala cun ton cheo de vitalidade. Tivo a amabilidade de concedernos esta entrevista para o blog.
- Que o trae por aquí, profesor Van Helsing?
- Walkraft, o vampiro.
- Perdón?
- Pertenzo a unha familia que leva séculos perseguindo vampiros. Ademais de meu bisavó Abraham, tamén están os meus tíos Cornelius e Abelard. Pola miña parte, dediquei toda a vida a Walkraft, o discípulo avantaxado de Drácula.
- E iso que ten que ver con nós?
- Este outono, encontrei esta cruz de pedra en memoria duns náufragos nunha praia do Vicedo. (O profesor ensínanos a fotografía que ilustra esta entrada) Chamoume a atención que nela se mencionara o nome das vítimas, pero non o do barco. Investiguei e no libro “Os naufraxios da Galicia Norte” (Hixinio Puentes, Editorial Lea) atopei que ese barco era o “Drácula”. Walkraft é descaradamente vaidoso, gústalle deixar pistas para retarnos e facer alarde da súa intelixencia. Pense que foi o responsable de que Bela Lugosi rematara a súa vida créndose Drácula. Vampirizouno diante do mundo enteiro, deixando a súa obra gravada no celuloide.
- Non mo tome a mal, pero ese barco podía chamarse así e non ter nada que ver co que nos está a contar.
- Recorde, que na novela de Bram Stoker, o conde Drácula chega a Inglaterra en barco...logo de causar o seu naufraxio cunha tormenta. Walkraft homenaxea a Drácula sempre que pode, así que a pista é cen por cen fiable.
- Disculpe a insistencia, pero que ten que ver isto co nós?
- Coñecendo a Walkraft como o coñezo, podo asegurarlle que, despois do naufraxio, utilizou durante un tempo algún castelo da comarca (Moeche, Narahío ou Andrade). Pero un vampiro coma el non pode estar vivindo entre ruínas medievais eternamente. Necesita sentirse nun ambiente... digamos que...da súa "categoría". A comarca ferrolá, pola súa densidade poboacional, é ideal para que unha criatura tan monstruosa poda vivir durante moitos anos sen que ninguén se decate. Seguramente o atraeu un topónimo fenés como é “O sartego”. De aí debeu pasar ao Pazo, onde está o colexio de secundaria en Barallobre. É ideal para el. O nome fai referencia a un pasado señorial, ten unhas excelentes vistas á ría que lle permiten controlar a entrada e saída de barcos e, para maior comodidade, hai un instituto...
- Aclárenos isto, por favor.
- Que máis pode pedir un vampiro que un lugar polo que pasa moita xente e, ademais, xente moza.
- Comprenderá que non resulta fácil compartir a súas ideas?
- Si. Iso mesmo me dixo o director. Pero deixou de rirse cando lle preguntei pola porcentaxe de alumnos e persoal do centro que di estar anormalmente canso. Que raro... Uns adolescentes sen folgos para saír a xogar ao patio, que prefiren estar nas aulas ou sentados nas escaleiras interiores aínda que quente o sol.
- Non sei que dicirlle.
- Non se preocupe. Comprendo a súa incredulidade.
Van Helsing deixounos moi impresionados. Foi unha mágoa que se nos descargara a batería da cámara e non puideramos fotografalo. A charla que mantivemos na cafetería será inesquecible. Sempre recordaremos o seu porte elegante á vez que austero até nos máis mínimos detalles: non quixo tomar nada, porque tal como nos dixo cun sorriso “eu nunca bebo...refrescos”.

4 comentarios:

O Segrel do Penedo dixo...

Meu Deus, temos ata cazavampiros!
Para cando un cazapantasmas?

Antonio Martínez dixo...

Este blog é de medo.

Sarinsky dixo...

Holaa!! acabo de entrar en vuestro blog por primera vez y la verdad es que está muy completo,me gusta.
Por cierto,interesante entrevista.La película de Van Helsing me fascinó.
Saludos

#***xano#*** dixo...

Joliin , púxome os pelos de punta esta entrevista.....e pensar que temos un vampiro no instituto!!
Pra que despois digan que Galicia non ten historias fascinantes...pseeee.
Saúdos
Xano

Related Posts with Thumbnails