O pasado mércores, e como xa é habitual, o grupo do Plambe-Ferrolterra tivo a súa reunión mensual. Nesta ocasión a cita foi no CPI San Sadurniño. Ás cinco da tarde reunímonos alí os coordinadores e coordinadoras das bibliotecas escolares da comarca co obxectivo de seguir dando pasos nese proxecto "Conocernos para querernos" que a maioría deste grupo está a levar a cabo cos rapaces e rapazas de Smara o campamento de refuxiados saharauis en Tinduf. Un proxecto que está moi presente en San Sadurniño nun fermoso álbum que montaron coas 101 fotos que Palma nos enviou e que nos levan pola historia dese marabilloso soño feito realidade que é o Bubisher e cunha fantástica jaima que montaron no edificio de primaria e onde @s nen@s poden disfrutar de momentos especiais de lectura.
Para recibirnos alí estaban os nosos compas Juan e Bea que nos fixeron un percorrido polos distintos espazos que ocupa a biblioteca e os puntos de lectura que enchen de libros o centro. Unha biblioteca presidida pola súa mascota Sansiño, a quen os profes se encargan de "tunear" dependendo da ocasión..., na que non falta unha gran variedade de libros, marabillosos álbumes ilustrados, e un fermoso Kamishibai con textos trilingues que fan as delicias de pequenos e non tanto.
E claro, como toda reunión que se precie, non faltou un fermoso marcapáxinas co que fumos agasallados e un bo cafeíño cuns exquisitos doces que deron aínda máis calor a unha reunión na que botamos en falta a Rosana, Maribel e Begoña ... Esperámosvos na próxima que será o martes 14 de febreiro no IES Fraga do Eume. Unha reunión moi "amorosa" e con cea incluída!!!!
Grazas compas pola boa acollida e o voso magnífico bo facer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario