luns, 2 de maio de 2011

"O Cine na Comarca de Ferrol" (1897-2010)

Hoxe, O Segrel quere recomendarvos un libro ben especial "O cine na comarca de Ferrol. As súas xentes. Os seus recursos (1897-2010)". Especial porque fala de cine, e xa sabedes o cinéfilos que somos, especial porque fala do cine na comarca de Ferrol, das súas xentes e os seus recursos, pero tamén é moi especial porque unha das súas coautoras é membro do noso club de lectura, María Xesús Arias Rei, "Pitusa" para todos nós.

Un ensaio sobre o cine da nosa comarca que vos recomendamos porque como nos lembran os seus autores na súa presentación...


"Es una noble misión rescatar del olvido a quienes merecen ser recordados"
Plinio el Joven

Na súa presentación no Casino de Perlío (Fene) Pitusa falounos dos cines de Fene, daquelas oito marabillosas salas das que hoxe non se conserva ningunha... a última, o cine perla, pechou no 2005 -sobran comentarios, non si?- pero tamén lembrou aquela primeira vez cando, ben pequerrecha, foi ao cine Cardoeiro cos seus pais a ver "Psicosis" e aqueles pesadelos nos que era asesinada por "Pepín o das barcas", pero non na bañeira, no seu caso, Pitusa morría no horta da casa... Un momento moi especial ao que contribuiron moitos dos asistenten contando as súas anécdotas e lembranzas.

E con tanta lembranza veunos á cabeza o noso primeiro día de cine ... O primo Carucho, quen anos despois tamen foi quen nos aprendeu a liar os pitos, (que ben recrea a escea o gran Luis Seoane) levounos ao cine de Covas, un edificio que soubemos, gracias a este libro, que é obra de Rodolfo Ucha... Aquela foi a nosa primeira saída nocturna e non somos quen de lembrar que película fumos ver! Máis o que nunca esqueceremos son os asubíos do público cando no momento en que os protagonistas estaban a piques de bicarse o que seguía era un "oportuno" corte... ai, aquela censura! Unha censura da que non se librou tampouco a literatura galega...

E non podemos esquecer o "Cinema" e aquelas pelis que íamos ver sempre e cando "houbera moza", é que doutro xeito non nos gustaban... que novas éramos!!, e o "Avenida" e a nosa primeira peli para "maiores", o "Teatro Jofre", o Rena, o Capitol, o Callao, o Madrid-París... e tantos outros hoxe en día xa desaparecidos en Ferrol... Cantas lembranzas!!

Non deixedes de ler este ensaio, que como di na súa contraportada...
"Esta publicación, sobre o cine e a súa impronta na comarca de Ferrol trata de recoller a memoria colectiva dunha centena de anos e a súa importancia na sociedade"

Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails