domingo, 3 de abril de 2011

Homenaxe a Juan Farias no Día da LIX

O pasado venres, en "O Segrel" celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha pequena homenaxe a Juan Farias, un dos grandes escritores da literatura xuvenil.

Unha homenaxe que xorde nunha xuntanza das Bibliotecas Escolares de Ferrolterra, a proposta da Biblioteca do CEIP de Pazos que leva o nome deste autor.

Nesta pequena homenaxe, connosco estivo non só un grande da literatura do noso país, Xabier Docampo, senón unha extraordinaria persoa para quen o valor da amizade é tan importante que non dubidou en achegarse á nosa biblioteca para compartir un par de horas co alumnado de 1º e 2º de ESO para falar, non da súa persoa, nin da súa obra, senón para falar da persoa e da obra do seu amigo Juan Farias de quen se recoñece un grande admirador.

Xabier falounos de Farias, desa fonda amizade que os une dende hai moitos anos, da súa vida, plagada de anédoctas, e da súa obra, centrándose especialmente na novela "Os nenos numerados" que foi a que lemos tanto nas aulas como no Club de lectura.

Dende O Segrel, agradecer a Xabier o tempo que nos adicou e o xeito tan agarimoso de achegarnos á figura e á obra deste autor.

Velaí tedes unha mostra dese fermoso encontro no que o alumnado tivo unha participación especial coa lectura de distintos parágrafos da novela elixidos por eles por ser os que lles provocaron algún sentimento especial. Ao remate desta lectura Sara Permuy, alumna de 1º de ESO, interpretou ao clarinete "Greensleves".


A vindeira semana teredes os vídeos deste encontro en Radio Barullo

2 comentarios:

Chispa dijo...

Xa me gustaría ter estado aí! Grrrr!! Que envexa!
Supoño que disfrutariades un montón porque cando os amigos falan dos amigos fanno desde o corazón; e a nós, cando escoitamos falar a Xabier, enchéusenos o noso.

Bicos agarimosos de Chispa.

O Segrel do Penedo dijo...

Así foi, todo un pracer disfrutar de tan grata compaña. E todo o que alí aconteceu, terédelo a vindeira semana na Canle de Youtube do Segrel.
Apertas de mel dende Fene

Related Posts with Thumbnails