sábado, 9 de abril de 2011

Encontros do Plambe 2011

Onte, e como xa ven sendo habitual nestas xuntanzas dos centros que formamos parte de PLAMBE, a labor da Asesoría de Bibes Galegas foi excelente. Excelente pola organización, (xefas, fantástica esa comida no campeiro...!!), @s magnífoc@s poñentes, -como sempre tamén nestas ocasións, tiñamos "o corasón partío " nas sesións simultáneas, así que decidimos ir ao obradoiro de Kiko da Silva no que xurdiu o que pode ser o Proxecto do vindeiro curso- (a cabesiña, que non para....!) o ambiente que se crea entre os asistentes, as reunións dos grupos de zona... todo sen excepción perfecto!! Parabéns Cristina e Pilar polo voso bo facer!!

Máis estes Encontros estarán sempre marcados por un peche moi especial, un peche extraordinario a cargo de D. Xosé Neira Vilas, quen, en palabras de Pilar Sampedro na súa presentacion é "o único clásico que aínda queda vivo" quen, "sempre amosou o seu compromiso con Galicia e a súa mocidade" e que grazas a xente como el "Galicia ten un lugar no mundo".

E que se pode engadir sobre un dos grandes do noso país que non se dixera xa?

Foi un verdadeiro placer escoitar a súa lembranza daquela escola rural a 8 km. da casa e cunha biblioteca chea de "vidas de santos". Do extraordinaria que foi para el a descuberta da escrita. Do seu gosto dende ben neno pola lectura. Dos libros agochados baixo as tellas. Dos cartos gañados "honradamente" para mercar máis libros. Daqueles libros mercados contra rembolso e do consello do seu pai "pide libros, pero con moderación"...

Da emigración a Arxentina, "emigro, en certo sentido, para achegarme aos libros", e a súa primeira relación alí coas bibliotecas escolares ás que lles doaba os libros que mercaba nas librerías de vello da Praza de Maio. O seu apadriñamento en Cuba do Colexio Concepción Arenal.

A súa labor á fronte da Editorial Follas Novas cuxo obxectivo era o de difundir a Literatura Galega. A publicación da revista "Zunzún" e a súa relación tan estreita e persoal cos lectores. As actividades de fomento da lectura que levaban a cabo e segue a levar dende a súa Fundación...

Neira Vilas falou as súas "experiencias persoais arredor do libro e a lectura" e coa presencia constante da súa compañeira Anisia con quen compartiu vida, soños e proxectos. Unha lembranza que nos fixo emocionar fondamente acompañada pola figura de Balbino "Memorias dun neno labrego" do que se está a celebrar o cincuentenario da súa publicación e que supuxo o comezo da literatura xuvenil en galego, "aínda que non fora escrita para nenos".

Con este grande das nosas letras rimos e choramos, compartimos lembranzas e o seu amor pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua.

Grazas Don Xosé!!



Ligazóns do artigo vía Asesoría

Programa dos Encontros clicando no cartel.

Todo sobre estes Encontros, no espazo Moodle no que se pode entrar como convidado.

Pasade e disfrutade case tanto coma nós!!

3 comentarios:

Marina dijo...

Pero que grande, que grande eres a pesar de ter un pouco menos de volume ultimamente...... Xenial reportaxe.
MARINA
IES DE ARZUA

biblosvivos@gmail.com dijo...

A verdade que foi un auténtico broche de ouro. Que lucidez, que conciencia lingüística, canto temos que aprender del!! Un auténtico luxo. Saúdos dende Salceda e en hora boa polo excelente traballo.

Chispa dijo...

Acabo de disfrutar por segunda vez do venres. Grazas, compi.

Related Posts with Thumbnails