luns, 29 de novembro de 2010

Berlanguiano

Remata novembro. Este mes no que nos visitou o papa e se marchou Berlanga. As películas do valenciano teñen un carácter universal do que non se ten falado o suficiente. Recordouse a descrición que facía da España da segunda metade do século XX, pero sen insistir en que os asuntos locais adquiren un carácter universal cando son tratados por un xenio. Por algo existe o adxectivo "berlanguiano".

Tomemos, por exemplo, “Bienvenido, Mister Marshall”. É o retrato dun caso que pode darse aquí ou en América. Aínda que non fai falta ir tan lonxe. Algo diso lles pasou aos que agardaban a Bieito XVI na estrada de Lavacolla. Foi “berlanguiano”.

Unha das cousas que máis me gusta das súas peliculas é o retrato coral. Unha morea de xente e cada un aparece coa súa personalidade ben definida.

No caso que nos ocupa poderíamos poñer ao que ten máis sorte que o resto e puido ver de cerca ao papa. Agora non para de ensinarnos as fotos.

Non debería faltar o chufón, esa criatura “superior”, aínda que minta tanto como fala. Seguro que posúe algo único: unha foto do papamóbil no garaxe.

Teríamos ao supercrítico que se fixa nun detalle para renegar da humanidade. En vez de ir a Santiago a ver ao papa, paseou pola rúa do Vilar e quedouse mirando para un escaparate cun sorriso.

Fixádevos no estante superior.

E, para acabar, sempre estará a beata que nos pedirá respecto e nos regalará unha estampiña, que para este blog será unha visita virtual e gratuíta á Basílica de San Pedro.

2 comentarios:

Loly dixo...

Un dos máis "currados", sobre todo sabendo a que hora te erguiches ese día para conseguir esta magnífica reportaxe gráfica, incluída esa instantánea do "papamóbil"....

Tony River dixo...

Por este blog, o que faga falta!

A do papamóbil ten que ver coa segunda lei das TICs.
Recórdoche as dúas leis:
1º- As TICs molan.
2º- Desconfia das TICs.

Related Posts with Thumbnails