mércores, 29 de maio de 2013

Roteiro Plambe-Ferrolterra (XV) IES Catabois (Ferrol)

Hoxe, mércores 29 de maio, @s coordinador@s do Plambe-Ferrolterra celebramos a derradeira reunión do curso, nesta ocasión foi na Biblioteca Queremos Ler do IES Catabois en Ferrol.

Como era a despedida do curso, fixemos o posible por estar tod@s, aínda que foi imposible. Botamos en falta a máis dunha e a máis dun, pero é o que teñen as reunións cando estamos xa na recta final. Hai que botar a vista atrás e comezar a facer "memoria"... e iso implica papelame e máis papelame, e horas e máis horas de traballo.

Mentres facíamos a visita de rigor, pescudando todos e cada un dos recunchos da biblioteca, Xoán e Begoña do CEIP de San Sadurniño amosáronnos a súa "Bolsa dos contos", un fermoso mar azul cheo de peixes, polbos, caracolas...  E chegou o momento de comezar coa "orde do día". Nesta ocasión foi Gabriela que nos amosou o novo Blog da Biblioteca do CFR de Ferrol. Recomendámosvos que vos pasedes por el e comprobedes as moitas e estupendas novidades que alí aparecen. Despois A pescadora de historias, achegounos á plataforma Edu 2.0 que eles están a utilizar. E para rematar, nós presentámoslles a fantástica ferramenta de "curación de contidos" Scoop.it e os Planetakis das Bibes Galegas de Secundaria e de Infantil e Primaria así como o Planetaki dos Clubs de Lectura. Nesta reunión decidimos crear o Planetaki das Bibes do Plambe-Ferrolterra, para ternos a todos máis á mán, e será Rosana, unha das artistas do grupo, a encargada de deseñar o seu logo.

Rematada a sesión de formación, como recordo do noso paso por esta fermosa biblio, entregamos a  Laura, Mónica e Yolanda, as artífices desta magnífica biblioteca escolar, un Principito en formato pop-up que cremos lles encantou.

Tras a "dura" xornada, o que nos pedía xa o corpo era dar boa conta do café e das deliciosas lambonadas (Biscoito de cenoria, rosquillas e torta) que as nosas anfitrionas nos tiñan preparadas. 

Benquerid@s Plambeir@s de Ferrolterra, foi un pracer compartir con tod@s vós estas Xuntanzas.

O curso que ven "máis"!!

Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails