sábado, 21 de abril de 2012

Neira Vilas pregoeiro en Ferrol

O pasado xoves inaugurouse a "XXIII Feira do Libro de Ferrol - Festa da lectura, o libro e a palabra" que estará aberta ata o 24 de abril. Nesta ocasión está dedicada a Rosalía de Castro con motivo do 175 aniversario do seu nacemento.

O pregón correu a cargo dun dos grandes das nosas letras, Don Xosé Neira Vilas que comezou facendo un percorrido pola historia de Ferrol, dende a orixe do seu nome ata facer unha fermosa lembranza do papel da emigración especialmente dos Ferroláns e Ferrolás como Ramón Castro, Pablo Iglesias, Calixto Loira, Bartolomé Crespo Borbón precursor do teatro en Cuba, Concepción Arenal, Xosé Fontenla Leal impulsor da Real Academia Galega e quen animou a Pascual Veiga e a Eduardo Pondal para que lle escribisen a letra e a música do Himno Galego estreado na Habana en 1907 e a quen homenaxea no seu ensaio "100 anos do himno galego" editado pola editorial ferrolá Embora e que presentou tras o pregón.

Falou do valor dos libros e a lectura "a lectura nos converte en homes e mulleres de ben" e lembrou a Cicerón "un fogar sen libros é como un corpo sen alma".

Facendo referencia a esta crise que nos está a afogar "unha crise económica, moral e de valores" dixo que "a cultura é o posible remo de salvación neste gran naufraxio" e falou dos "libros como sosego e serenidade nestes tempos tan complexos"

A pesar da choiva e do tempo tan desagradable que había no exterior, no interior da pequena carpa colocada no Cantón de Molíns o ambiente era moi cálido e agradable, porque se ler a Neira Vilas sempre supon un marabilloso viaxe no tempo no que achegarnos ás nosas tradicións, á nosa xente, á nosa cultura... escoitalo sempre é un enorme placer, xa que a súa conversa, sempre chea de anécdotas, onde amosa o seu grande amor pola literatura e por Cuba é un aloumiño que nos chega ao corazón.

Moitísimas grazas Don Xosé, tras máis de hora e media disfrutando da súa palabra, quedamos agora inmersos na lectura do seu último libro "Esperando o leitieiro" que xa nos ten enganchados dende a primeira páxina.


Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails