domingo, 25 de outubro de 2009

Xornadas de Bibliotecas Escolares 09

Este fin de semana celebráronse en Santiago de Compostela as Xornadas de Bibliotecas Escolares baixo o lema "Novas lecturas, novos lectores" inauguradas polo Conselleiro de Educación que estivo acompañado polo Director Xeral de Educación e o Director Xeral de Centros.

Unha cita obligada, dende hai xa tres anos, para centos de docentes de toda Galicia -este ano 1.200- aos que nos une un mesmo obxectivo común, poñer en valor as nosas bibliotecas escolares e convertilas nun recurso educativo imprescindible na nosa labor docente.

A organización inmellorable e o programa magnífico:
O venres a conferencia inaugural correu a cargo de Daniel Cassany "Como axudar a aprender a ler aos nativos dixitais" a quen seguiu Luis Iza Dorronsoro que nos falou do "Plan lector de centro".

O sábado comezamos con quen para moitos de nós foi o gran descubrimento destas xornadas, Guadalupe Jover, profesora de lingua e literatura castelá do IES Infanta Elena de Galapagar (Madrid) que tratou o tema "Escola e literatura: A educación do Imaxinario".

Guadalupe comezou a súa conferencia facéndonos unha confesión "las comunidades en las que no se ha apostado por las bibliotecas escolares como en Galicia os miramos con envidia y profunda esperanza" e a partir desa declaración de principios falounos do sentido da lectura, de educación literaria, do lugar que ocupa a literatura na escola do século XXI, de libros que forman lectores e recomendounos tres que dixo non deberíamos deixar de ler:
Michèlle Petit: "El arte de la lectura en tiempos de crisis"
Aidan Chambers: "El ambiente de la lectura"
Tzvetan Todorov: "La literatura en peligro"
Aos que nós engadimos o libro de Guadalupe "Un mundo por leer".

Tras a pausa do café chegou a mesa de experiencias onde varias compañeiras doutros centros falaron do seu Plan Lector de Centro, da súa experiencia cos Clubs de lectura -Fantástica a experiencia do Club de lectura de primaria presentada por Cova do CEIP Brea Segade de Taragoña - e a posta en práctica da chamada "Hora de Ler" - Interesantísima a experiencia do IES Río Miño de Rábade

E despois do xantar tivemos entre nós a Tiscar Lara, un placer poder ver en directo a quen hai tanto que seguimos na rede. O título da súa conferencia "Alfabetizar na cultura dixital".

O remate das xornadas correu a cargo de Glória Durban coa conferencia "A biblioteca escolar, un recurso educativo útil: o desenvolvemento de entornos presencias de aprendizaxe e lectura". A súa páxina "La dinamización de la Biblioteca Escolar" é ben coñecida e utilizada polos docentes que están ao fronte das nosas bibliotecas escolares.

Pero non hai xornadas que non rematen cunha gran sorpresa, e nesta ocasión chegou da man do actor, autor e director galego Carlos Blanco que nos ofreceu un magnífico fin de festa. (Xa en Radio Barullo a través do Canal YouTube de O Segrel)

Parabéns a Cristina Novoa e Pilar Sampedro que ano tras ano fan gala do seu bo facer.


Todos os materiais das Xornadas están dispoñibles na plataforma Moodle da Rede de Bibliotecas Escolares.

Pero para moitos de nós, estas Xornadas tiveron un agasallo especial, polo inesperado. Entre os asistentes atopámonos con Rosa Piquín, pioneira no Traballo por Proxectos gran amiga das Bibes Galegas a quen seguimos e admiramos.

21 comentarios:

Isa dixo...

Completísima crónica das Xornadas. Despois de vela, solo me queda enlazala.
Parabens

Ronsel dixo...

Quédome con Guadalupe Jover por riba de todo: foi magnífica. E coma ti dis, un gran descubrimento.
Grazas pola crónica magnífica.

O Segrel do Penedo dixo...

Grazas mozas, outro dos placeres destas xornadas foi o encontro, aínda que moi curto, cos amigos e amigas de sempre.
Bicos

Antonio Martínez dixo...

Lamento moito non poder ter ido para, sobre todo, poder saudar a tantas amigas... Alégrome de que todo vos fora moi ben.

Mik dixo...

Excelente e completísima reportaxe, tanto polas imaxes como polo contido.
Parabéns!!

O Segrel do Penedo dixo...

Benquerido, como diría a miña nai "non se pode soprar e sorber á vez", pero a verdade é que houbo ata quen che botou en falta...
Querido Mik o único pero das Xornadas foi a falta de tempo para poder botar unha parrafadiña con tantas e tantos amigos que nin sequera vimos!!

Mik dixo...

Eu si que te vin, pasando coma un lóstrego (creo, porque non estou segura de ter ben asociado o nome coa persoa). Mágoa que non houbera máis tempo para poder conversar "en persoa" con moita xente que, coma ti, é un referente para moitos de nós.
Apertas

Encarna dixo...

Despois de ler esta reportaxe non queda nada por dicir, só como moi ben di Isa enlazala. Completamente dacordo contigo sobre todo no descubremento de Guadalupe Jover. Quédome cunha frase súa:
"Leer para saber quiénes somos"
"Leer para elegir quiénes queremos ser".
Unha aperta.

Chispa dixo...

E eu, despois de oír a Cova, do CEP Xosé Mª Brea Segade, retomo a idea (tan collida e deixada) dos Clubs de Lectura. Que xornadas!!
Tamén me sumo a Isa e a Encarna, farei enlace no noso blog a este artigo tan completo teu, porque xa non nos queda nada máis que contar. Grazas por seguir e seguir compartindo.
Bicos e Feliz Día das Bibliotecas Escolares, que é mañá, e nós celebraremos por todo o alto.

O Segrel do Penedo dixo...

Mik, despois desas palabras tan agarimosas terei que reconciliarme cos que tanto repelús me dades... Así que xa temos un motivo máis para organizar unha das nosas "Xornadas Gastronómico-Plambeiras"

Encarna, xa estou desexando mergullarme na lectura de "Un mundo por leer".
Apertas para as dúas!!!

O Segrel do Penedo dixo...

Chispa, como vai esa voz? Espero que o "remedio" surtira efecto. De todos xeitos xa vexo que con voz ou sen ela ti non paras.
Bicos e feliz celebración!!

bibliotecadocole dixo...

O das xornadas gastronómica non nos virian nada mal, por aquilo de darnos apoio emocional, que andamos todos moi necesitados. Eu apúntome de primeira!!!

Loly dixo...

Aviso cociñaaaaaaa.
Marchando unha de festa!!!!!

Biblioteca dixo...

Graciñas Loly!

Que ben nos veu esta nosa cita obrigada para recargar pilas! E que boas e rápidas son as túas crónicas.
Eu tamén creo que nos merecemos unha cita gastronómica.

Bicos desde Taragoña
Cova

Loly dixo...

Cova, encantounos a túa presentación do voso club de lectura.
Vémonos logo nesa "Xuntanza"
Bicos

Anónimo dixo...

Que boa reporteira eres, por suposto eu xa nin me molesto en sacar fotos nin facer nada.... para ler sobre esto e sobre calquera cousa sempre hai que acudir a este blos e a ti Loly Lago, que eres grande, grande, grande.... (bueno non no sentido literal da palabra, senón no intelectual) ¿?

Loly dixo...

Marina, xa o dicía miña nai: "Deus dé amigos aínda que sexa no inferno!!"
Por certo, menos mal que puntualizaches o de grande...
Bicos queixeiros!!

Oki dixo...

Estupenda reportaxe, e aínda que algún elemento masculino foi botado en falta pola miña parte, foi un placer falar coas "chicas gurús" das biblios galegas (sempre co permiso de miña Marina e despois dela).
Ah e seguimos sen estar enfadadas, jaja.

Loly dixo...

Oki, eu non sei a que elemento masculino te refires porque non se botou en falta a ninguén...
Ah, alégrome de ter arranxado eses problemiñas... jejeje
Bicos

Biliomanía dixo...

Hai que ver como se refresca a memoria ao ver as imaxes. Grazas por estar aí sempre e facérnolas chegar!

O Segrel do Penedo dixo...

Benquerida tocaia, xa sabes que disfruto tanto facendo as fotos como logo vendoas.
Apertas

Related Posts with Thumbnails