luns, 19 de outubro de 2009

Creando Historias con Anxo Fariña

O pasado venres tivemos o pracer de asistir ao encontro do alumnado de 1º e 2º de ESO con Anxo Fariña coñecido e recoñecido ilustrador, escritor -e non sei cantas cousas máis- galego. Un verdadeiro artista que engaiolou a mozos e non tan mozos.

Comentounos que lle gusta contar historias de todo tipo, para lectores de todas as idades. Que experimenta con cores, estilos, técnicas e que traballa tanto con sistemas tradicionais como con sistemas dixitais. E logo de darnos unhas cantas pistas fomos quen de crear as nosas propias historias, microrrelatos que nun momento provocaron algunhas risas.

Contounos como xurdiron as historias dos Megatoxos. Historias ambientadas na Idade Media, porque segundo nos confesou gústalle a historia e tamén debuxar espadas, e falounos dos Templarios, de Mosteiros, das marcas de canteiro, de gárgolas -un personaxe que non tiña pensado que aparecera no libro pero que xurde despois de tanto visitar estes lugares- e dos personaxes, aos que lles presta especial atención porque para el son o elemento principal da historia. Ensinounos o seu "Moleskine" e puidemos ver bocetos dalgúns deles. Para crealos inspírase na moda, na xente, leva a realidade ao papel. Para el, "un libro é algo vivo que evoluciona segundo o vas escribindo"

Antes de rematar quixo deixar ben claro a importancia do esforzo "ás veces, para facer o que nos gusta temos que facer algo que non nos gusta", "para facer unha cousa ben temos que practicar. Non nos vai sair á primeira"

Adiantounos que está a piques de sair publicado o terceiro libro dos Megatoxos que está ambientado na época da Revolución Industrial e comeza nunha viaxe, unha das súas paixóns "Para min viaxar é unha forma de liberar a mente"

Ante a pregunta dun rapaz que quería saber se lle gustaría facer unha peli dos Megatoxos a Anxo abríronselle os ollos dúas cuartas e soltou un "home claro!" cheo de ledicia, e cando lembra a idea dun amigo de facer un videoxogo non pode reprimir un eufórico "vamos, eu toleaba cun videoxogo, con esas cousas se tolea!"

E falando de cine pedímoslle que nos recomendara algunha película e dounos tres títulos ben diferentes das últimas que tiña visto:

UP: "Unha película de animación -porque me ven do gremio- Pero é unha película estupenda que ten moitas lecturas e moitas dobles lecturas"

Distrito nueve: "Porque aínda que teóricamente é unha película de extraterrestres, en realidade non trata diso. Trata da marxinación, de como somos os seres humanos. Unha película que tamén ten varias lecturas".

Ágora
: "Película histórica do cine español que conta a historia de Hipatia e trata o tema da astronomía que a min me gusta moito"

E logo destas recomendacións insistiunos en que visitáramos o blog dos Megatoxos onde pronto poderemos descargar un capítulo da terceira entrega, para ir abrindo boca. Animounos a que lle escribíramos asegurándonos que, aínda que polo moito traballo ás veces tarda un pouco, el sempre contesta. Así que a partir de agora seguirémolo na blogosfera.

Grazas Anxo por facer deste encontro unha experiencia moi motivadora e por deixarnos os debuxos de Ruxe que colocaremos nun lugar especial en "O Segrel do Penedo"


Axiña en Radio Barullo dende o Canal You Tube de O Segrel

4 comentarios:

Bibliobaronceli dixo...

Estará connosco o vindeiro xoves e xa estamos impacientes. Agradecemos toda a información sobre este encontro. Xa contaremos.

Loly dixo...

Foi un encontro fantástico que esperamos dea moito de si. De feito xa estamos a argallar algunha actividade.
Apertas dende Fene

Antonio Martínez dixo...

Seguro que non estivo tan ben como parece...

O Segrel do Penedo dixo...

Tes razón, estivo moitísimo mellor!!

Related Posts with Thumbnails