martes, 29 de novembro de 2011

Aprendendo Xuntos con Scoop.it !!

Cada curso comezamos con enerxías renovadas, as pilas a tope e sempre co desexo de innovar, mellorar e sobre todo disfrutar aprendendo co noso alumnado. E vaia que se aprendemos, de tod@s e con tod@s el@s!!


Hoxe queremos presentarvos o último achádego que fixemos da man de Javi Varela de 1º de ESO (como veñen empurrando estes mozos e mozas!!). Chegou o martes pasado a clase e comentounos que vira unha "especie de periódico" que lle parecía moi interesante e quería que lle aprendéramos a facelo.


Ensinounos un exemplo e claro, nin idea do que nos estaba a falar, pero tiña tanto interese que hoxe martes, unha semana despois, Scoop.it xa conta entre os seus seguidores co Segrel que xa é quen de poder darlle a Javi un cursiño acelerado para que tamén el poida sacarlle proveito.


"Scoop.it" é unha nova ferramenta que permite seleccionar e compilar contidos e presentalos nunha páxina como a que podedes ver nesta imaxe do Scoop.it do Segrel


Podemos conectarnos con Tumblr (non podemos facelo co noso blog porque non é de Wordpress... mágoa!) coas contas de Facebook, Twitter e a través delas saber se os nosos contactos tamén están aí.


Os artigos poden incluir imaxes, videos, presentacións... podemos editalos, etiquetalos, admiten comentarios, podemos compartilos..., todo un feixe de posibilidades. En definitiva, un extraordinario repositorio de enlaces que nos permite organizalo segundo os nosos intereses, pero o mellor é que lle botedes unha ollada e vós mesmo decidades se pode ser ou non do voso interese.

Dende aquí dar as grazas a Javi e vós xa nos contaredes!!

venres, 25 de novembro de 2011

25N Día Contra a Violencia de Xénero


As penurias que unha nena sufre ao longo da súa vida polo feito de ter nacido muller


O acceso á Educación e os Dereitos Humanos poden romper o ciclo da pobreza e a discriminación que as nenas sufren en todo o mundo.

luns, 21 de novembro de 2011

Por que tería que cambiar a Educación?



"A Educación ten que preparar aos rapaces, non para o mundo que foi, senón para o que será"


Henry Jenkins



Reflexionemos sobre o noso papel nas aulas do século XXI !!


(Vía)

domingo, 20 de novembro de 2011

O Sistema Educativo é Anacrónico!



"Non aprendemos repetindo, senón facendo, emocionándonos"



"O valor da educación está no camiño, non na meta"


Logo fagamos ese camiño emocionante e deste xeito emocionarémolos!


O Segrel


(Vía)

martes, 15 de novembro de 2011

As Regueifas do BET 2011

E como ao Segrel non hai quen o faga ir cara atrás cando de retos se trata, velaquí tedes as regueifas do Congreso de Bibliotecas Escolares en Tránsito.

Animámosvos a que vos unades e fagades posible este traballo colaborativo que posteriormente será compartido con tod@s vós nun libro dixital.

Máis se alguén ten algunha dúbida e pensa que non é quen de escribir unha regueifa, que bote unha ollada a esta lección maxistral a cargo de dous extraordinarios regueifeiros Benito Lobariñas e Josinho da Teixeira no obradoiro de Oralidade que se desenvolveu en O Segrel hai un par de anos.




Xa rematou o Congreso

todos de volta na casa

grande chute de enerxía

do que "Celaya" falaba.


Bibliotecas Escolares,

libros e información

as "novas" tecnoloxías

todo envolto con paixón.


Máis os Plambeiros de pro

o que nós máis celebramos

son os momentos de maxia

de bicos, bailes e cantos.


Momentos de compartir

experiencias e cultura

linguas e mais tradicións

vaia o que fai a lectura!


E agora benqueridos

e benqueridiñas todas

se Plambeir@s de pro sodes

esta Regueifa é vosa...


Por certo... pasaremos nesta ocasión das 40 regueifas como naquela Semana da Literatura de Tradición Oral ? Estaredes á altura? Non sei eu que dicir !!!!

Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito

Despois de tres días ben intensos no Congreso de Bibliotecas Escolares en Tránsito en Santiago, voltamos coas pilar ben cargadas, foi un verdadeiro "chute de enerxía" que diría Javier Celaya.


Falouse de bibliotecas escolares, da transformación que están a acometer, do seu papel na sociedade de hoxe en día, de lectura, de información...



O Congreso foi inaugurado polo Ministro de Educación Ángel Gabilondo que falou do valor da lectura como parte substancial da nosa vida, e disfrutamos coa Nova Galega de Danza, logo cantamos con Constanza Mekis ao ritmo dos seus libros castañuelas, limos a Benedetti nun balón poema, e dimos un pequeno paseo polo que se está a facer en Extremadura, Navarra, Andalucía e Galicia. Para rematar a primeira xornada visitamos a Cidade da Cultura.


O venres comezamos a xornada con Javier Celaya que, como sempre, nos levou un pasó máis aló e nos achegou á narrativa transmedia, á realidade aumentada. Extraordinario! E chegou a pausa para o café e disfrutamos dun vídeo que facía un pequeno percorrido por algunhas das nosas bibliotecas escolares. Trala pausa outra vez o "corazón partido", cal elixir das dúas fantásticas mesas redondas? Decidímonos por Cassany e Joaquín Rodríguez - este último foi para nós o grande descubrimento deste Congreso. Fantástico!- Falaron da Lectura despois de internet.

Trala comida a tarde comezou con varias experiencias simultáneas de Boas prácticas de integración cultura impresa/cultura dixital. Experiencias de fomento da lectura nas distintas CCAA, e nesta ocasión non tivemos opción, estabamos nunha delas. Para O Segrel foi un verdadeiro honor dar a coñecer o magnífico Proxecto Colaborativo que se está a desenvolver nas Bibliotecas Escolares do Plambe-Ferrolterra.


Para rematar a xornada disfrutamos e nos emocionamos con Victor Freixanes que nos falou das Bibliotecas escolares e do seu papel na contrución da sociedade lectora. O segundo día a visita cultural levounos polas bibliotecas universitarias: Fonseca e Xeografía e historia, magníficas ambas!


E chegou o sábado, última xornada do congreso e novamente toca decidir e eliximos "La biblioteca escolar y la competencia en información" Rosa Piquín e Puerto Menéndez moderadas por Juana Vázquez. Fantástico exemplo de magnífico traballo nun CEIP e un IES. E tras unha pequena pausa para un café chegou a conferencia final a cargo da antropóloga e estudiosa do mundo da lectura Michèle Petit "Leer y hacer uso de una biblioteca escolar: ¿y eso para qué sirve hoy en día?

O congreso rematou coa lectura dun documento coas aportacións do Congreso que en breve publicaremos.


Dende O Segrel os nosos parabéns ás nosas asesoras Cristina Novoa e Pilar Sampedro polo seu bo facer. Sempre que rematamos unhas Xornadas, Encontros... parece imposible que se poidan superar, pero elas, sempre se superan. Xefas, sodes incribles!!


Os vídeos de todas as ponencias en Radio Barullo (Vía)


Crédito das imaxes Montse, Xarela e Loly

martes, 8 de novembro de 2011

Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito 2011

Durante os días 10, 11 e 12 de novembro celebrarase en Santiago de Compostela o Congreso "Bibliotecas Escolares en Tránsito" organizado polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación.

Nel daranse cita profesorado responsable, coordinador de bibliotecas escolares, membros dos equipos de bibliotecas, membros dos equipos directivos ou dos servizos de inspección, asesores de formación no ámbito das bibliotecas escolares e a lectura, así como responsables de todas as Comunidades Autónomas no desenvolvemento de programas de bibliotecas escolares.

Un extraordinario programa que contará coa presencia de relatores de recoñecido prestixio e, como ven sendo habitual neste tipo de actividades, todas as ponencias serán retransmitidas en directo, polo que estaremos puntualmente informados de todo o que alí aconteza.

domingo, 6 de novembro de 2011

Extraordinario Forges!


O noso eterno agradecemento por alegrarnos cada mañá, ou non...!

venres, 4 de novembro de 2011

Refráns para o Outono


Fermosísima selección de refráns do outono feita polos amigos do CEIP de Esteiro a quen, dende aquí, enviamos os nosos parabéns polo traballo e o agradecemento pola súa xenerosidade compartindoo con todos nós.
Related Posts with Thumbnails