martes, 11 de novembro de 2008

"O Xordo e O Caco" en O Segrel do Penedo

Hoxe, no IES de Fene, alumnado de 3º e 4º de ESO e de Adultos, profesorado e unha nai (non viñeron máis...) disfrutamos de dous fantásticos obradoiros con Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira, ou o que é o mesmo con "O Xordo e o Caco", dous excelentes regueifeiros que fixeron posible que as musas andiveran por O Segrel do Penedo facendo das súas.

Dende as catro e media da tarde ata as oito da noite (que rápido pasou o tempo!) sairon regueifas que falaban de profes, rapaces, de Fene, a favor e en contra do botellón e ata nos presentamos regueifando.

Cantas risas, canta diversión e canto nos aprenderon. Faláronnos do pasado o presente e o futuro da Regueifa, da súa estrutura, dos distintos tipos de Regueifa... Saímos con moitísimas ideas... concursos, unidades didácticas e volvemos á casa sen deixar de regueifar.

E para que vexades que vimos coa lección moi ben aprendida, aquí vos deixo unha Regueifa que fala, como non, da nosa teima "AS BIBLIOTECAS ESCOLARES" e que espero vos inspire e vos anime a continuala, sería todo un detalle pola vosa parte...

Ánimo compas, que estamos na Semana da Literatura de Tradición Oral!!!

REGUEIFA DAS BIBES

O Benito e o Josiño
se lles faia a inspiración
falarán de bibliotecas
ai teñen un bo filón.

Regueifando as bibliotecas
lembrarán as direccións
non esqueceran aos claustros
veredes canta tensión.

Esta tensión da que falo
a causa a administración
o traballo que facemos
non nos recoñecen non.

Antes dicían "coordina"
seique agora "dinamiza"
se aparecemos no ROC
será pa axudar na misa.

E aquí deixo esta Regueifa
non a quero rematar
os compas das outras "Bibes"
teranna que continuar...


Deixovos unha mini-reportaxe de parte do que aconteceu en "O Segrel do Penedo"



Pero como podedes imaxinar, aquí non remata esta fantástica xornada...
O vindeiro venres, Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira en Radio Barullo!!!

E ademáis... Programa de Actividades sobre a Literatura de Tradición Oral
Martes 11 de novembro: Regueifando con "O Xordo e O Caco"
Martes 02 de decembro: Tradición oral con "Antón Castro"
Martes 09 de decembro: Lendas con "Antonio Reigosa"

Non vos parece un programa fantástico para reivindicar a forza da oralidade?

47 comentarios:

  1. Extraordinaria actividade nunhza magnífica biblioteca. Parabéns

    ResponderEliminar
  2. Esta Loly de Ferrol
    fala e fala ¡é unha lareta!
    Tennos a cabeza quente
    co conto das bibliotecas.

    olga

    ResponderEliminar
  3. É verdade, é verdade
    eu xa non aguanto máis
    cada día ideas novas
    de onde as sacará????

    ResponderEliminar
  4. E por Galiica adiante
    unhos cantos abducidos,
    fala que fala do mesmo
    ¡esta xente ten perigo!

    Non sei que... informacional...
    nos sei que... dos usuarios...
    Esta xente eche moi rara
    ¡hai que espantala con allos!

    E di a Consellería:
    "imos ver se os aburrimos:
    que ninguén mire para eles,
    que só lles den para libros"

    E eles dalle que dalle:
    actuacións, seminarios...
    Son dunha clase moi rara:
    ¡van contentos ó traballo!

    ResponderEliminar
  5. E que ben falou Nautilus
    Eu non podo competir
    Para min son moitos versos
    Non me quero deprimir.

    Pero volvamos ao tema
    O punto non esquezamos
    Voltemos ás nosa bibes
    Que é isto do que falamos.

    E as familias? Esquecidas
    E os horarios? Desquiciados
    Alguén sabe que pretenden,
    que queren estes chalados?.

    ResponderEliminar
  6. Ben deitan das asesoras
    esas que están en Santiago
    mesmo lles limpan os mocos
    que os teñen ben informados.

    ResponderEliminar
  7. De chalados non falemos,
    nin falemos dos horarios.
    Quen nos dera ser, de tempo,
    supermultimillonarios!

    De proxectos, de memorias,
    de comidas e reunións,
    de ideas compartidas
    e de compas coma vós.

    ResponderEliminar
  8. Tanto traballo que temos,
    e de tempo non falemos
    que se nos sobra un minuto
    para a biblio xa corremos.

    Isto é unha tolemia
    tanto correo, con tanta presa
    isto non pode ser bo
    dimo sempre o meu avó.

    ResponderEliminar
  9. E cando chegou o Plambe
    estabamos encantados
    a maioría pensamos
    que os tempos eran chegados.

    Cando falamos de ROC
    din: "Non sabemos bailar!"
    Ai, mamasiña querida, con que xente imos ó mar!

    A cousa que mais me gusta
    a cousa que non lamento:
    desde que chegou o Plambe
    teño quen me lea un fragmento.

    ResponderEliminar
  10. Benqueridas compañeiras
    as grazas querovos dar
    por seguir estas regueifas
    como vós non hai igual.

    A Loly ten boas mestras
    pódese aquí comprobar
    as "meigas" das bibliotecas
    mellores nunca as habrá.

    Máis debo aqui confesar
    eu sinto certa tristeza
    tanto mozo que hai nas bibes
    e ningún saiu poeta.

    Animo pois regueifeiros
    sempre confiei en vós
    sairedes deste trance
    botando un par de... tariro.

    ResponderEliminar
  11. A directora xeral
    sempre nos bota piropos
    “cantos cursiños facedes”
    que si “traballades moito”.

    Falando da conselleira
    non debemos esquecer
    tantos profes nos Encontros
    seique non o podía crer.

    Á inspección lle pedimos
    tempo para traballar
    pero eles nos contestan
    aquí hai moito lacazán.

    Mais falando de Cristina
    e falando de Pilar
    elas dende a Asesoría
    despostas sempre a axudar.

    ResponderEliminar
  12. Non sei como dicir isto
    non sei como vos direi
    menuda pandilla de tolos
    este grupo no que entrei

    Seica lles chaman plambeiros
    son funsionarios ben raros
    como "entrén" na túa escola
    xa “podés” poñer cuidado

    o centro patas arriba
    non respetan os horarios
    día e noite a traballar
    ¡¡sonche uns revolusionarios!!

    meten a todos en danza
    están fora de control
    e si os pisas eles berran:
    ¡¡¡¡VEÑA LIBROS, VEÑA BLOGS!!!

    ResponderEliminar
  13. Que razón tedes neniñas
    todo o dito eche ven certo
    pero recordade filliñas
    que o que resiste gaña
    non se sabe si un concerto
    ou somentes unha caña.

    Caña á que vos vou invitar eu cando vos pille polo rato tan divertido que me acabades de facer pasar.
    ALUCINANTE.....................

    ResponderEliminar
  14. (Comentario dos Regueifeiros)
    Benqueridas regueifeiras
    isto non está moi mal
    máis "pá" que sexa regueifa
    alguen ten que contestar.

    (Contestación das Regueifeiras)
    Benqueridos regueifeiros
    xente de moita cordura
    o que primeiro debemos
    é practicar a estrutura...

    ResponderEliminar
  15. Contestar, Loly, querida,
    contestar non é doado:
    precisamos dun que faga
    de abogado do diaño.

    Os que contestar podían:
    ni están ni se les espera.
    Temos que facelo sós.
    Unha vez máis:¡peixe e pedra!

    ¿Alguén quere contestar?
    ¿Alguén que contestar quiera?
    ¿Alguén quere contestar
    por boca da Conselleira?

    A ver eses reguiefeiros:
    Beni, Antonio, Delio, Juán...
    ¿queredes vir á reguiefa
    e o contrapunto nos dar?

    Nunca tal antes eu vira,
    ¡cousa sobrenatural!
    aproveitarme das TIC
    para con vós regueifar.

    ResponderEliminar
  16. Canta verdá miña amiga
    todo o que dis é ben certo
    máis boca da concelleira
    nin eu podo nin o quero

    ResponderEliminar
  17. Nós:
    Aquí ninguén nos apoia
    somos uns incomprendidos
    á administración da as costas
    importámoslle un pito.

    ¿?:
    Se lle importades un pito
    algun motivo haberá
    teima que teima coas bibes
    non vos poden aturar.

    Nós:
    Non nos poden aturar?
    Isto creará tensión!!
    Acaso non vos fixades
    que fan cos de Relixión?

    ¿?:
    Que fan cos de relixión,
    que o seu posto consolidan?
    Non teñen a oposición
    chégalles con ir á misa.

    ResponderEliminar
  18. Pois nós a misa non imos
    e parécenos moi mal
    se por dicir unhas preces
    un posto fixo che dan.

    E por certo compañeiros
    e Cristina? e Pilar?
    coitadas as nosas xefas
    nin tempo teñen de ler
    estas fermosas regueifas.

    "Arrastradas" por Santiago
    tan só saben traballar
    mais eu teño unha sospeita
    ...non saberán regueifar?.

    E por hoxe me retiro
    que teño un día fatal
    e xa non direi máis nada
    ME CAMBIO A GAS NATURAL.

    ResponderEliminar
  19. Levo a mañán teimando,
    esperando a contestar,
    quería eu ser o último
    e toda a razón levar.

    Pero, manda truco na Habana!
    con quen me metín ó mar?
    estas tipas son moi pillas
    na arte de regueifar.

    E non respectan a naide,
    sexa divino ou humán,
    que si lareta a Loly,
    e a conselleira, que tal?

    Menos mal que deixan algo
    que se pode aproveitar:
    non falan mal dos mozos juapos
    nin de Cristina e pilar.

    Pra rematar, cara Loly,
    ti si que sabes pescar
    que nos lanzas un isquiño
    e nós todos a picar.

    ResponderEliminar
  20. Benquerido compañeiro
    non quero eu enmendar
    Regueifa tan ben traida
    por Plambeiro maxistral.

    Canta ledicia e gozo
    cando eu a recibín,
    xa sabia eu que estes mozos
    a estas lerias ia vir.

    Moito en falta eu botaba
    vosa presencia especial
    e non daba adiviñado
    o que o podia motivar.

    Grazas querido Benito,
    grandisimo compañeiro,
    es aquí ti moi benvido
    noso mellor Regueifeiro.

    ResponderEliminar
  21. Mecachis na mar salgada!
    entro aquí pa protestar,
    pois por culpa da regueifada
    querédesme o nome cambiar.

    Téñenme dito de todo:
    Beni,seudónimo co que escribo, tamén Basilio e Benito,
    algunha incluso Bonito.

    Non quero entrar na cegueira
    da que o último nome dixo,
    pero aclároche a ti a primeira
    que o meu nome é Benigno.

    Non desprezo ao latino Bene dicto
    nin ao grego Basileo,
    pero pra seren grecolatino
    meu pai chamoume "Benino".

    En efecto, así me chamo
    sen querervos facer dano,
    facéndolle ver a alguén
    que eu son "quen enxendra o ben".

    Mecachis na mar salgada,
    este é un vicio demoniaco,
    en verso sáeme a fala,
    isto é peor có tabaco.

    ResponderEliminar
  22. Disculpeme D. Benigno
    que me disculpe lle pido
    erro tan imperdonable,
    tan tremendo desatino.

    A culpa debe de ser
    deste viçio demoniaco
    que ás veces parece que
    pon as letras o diaño

    Pero ti no te incomodes,
    isto non volve a pasar
    e para que asi sexa
    o teu nome eime tatuar.

    ResponderEliminar
  23. Albricias! entrou Benino,
    nesta regueifa plambeira
    que en regheifando connosco
    ¡chámese como el quiera!

    Menos mal que os homes teñen
    agora un que xa fala.
    De seguir como ata agora
    moita vergoña amosaban.

    Pois se eles teñen vergoña,
    nós non témos a primeira
    que en custión de descaradas
    levamola dianteira.

    A dianteira levamos
    as rapazas na regueifa
    pero todos a levamos
    no conto das bibliotecas

    ResponderEliminar
  24. Que conste que eu non quería
    voltar ás biblioregueifas,
    pero non funciona o EDU.XUNTA
    e case que me aburría.

    Acado de vir do Ikea
    de mercar as poltronas TULSTA,
    traballar no sábado non nos justa
    pero pola biblio faise o que sea.

    Eu pajei a jasolina,
    a comida pajouna paco,
    a xunta non pajou nada,
    seremos parvos, ou aljo?

    E que ninguén me responda
    a esa última prejunta,
    retórica é, por favor,
    non me fagades máis pupa.

    ResponderEliminar
  25. A xunta vaiche dicir
    pa que queres a poltrona
    pa tirarte a bartola
    é millor que pajes tí.

    E millor que pajes ti
    que eles andan ocupados
    en cousas serias e importantes
    e non en libros e chalados.

    E non en libros e chalados
    que o que queren e que se lea
    ainda que pa iso faja falta
    ir un sábado ata o IKEA.

    ResponderEliminar
  26. Ir un sabado a Ikea,
    a Xunta vaiche dicir,
    ai meu querido Benigno
    e quen vos mandou alí?

    E quen vos mandou alí,
    ir mercar eses sofás?
    Seique non tedes traballo
    e vos queredes deitar?

    Se vos queredes deitar
    sitio non é a biblioteca
    idevos a vosa casa
    e alí mollade a palleta.

    E ali mollade a palleta
    que iso moi ben se vos dá
    e deixadevos de lerias
    e de a nós vir amolar.

    ResponderEliminar
  27. Eu pedira por favor
    que ninguén me respostara,
    e veñen esas sabidillas
    a darme co Ikea na cara.

    Aquí solo ante el pelijro
    deixáronme os dous do "Jebi"
    e outros "duchos" nas regueifas,
    con mulleres non se atreven.

    Non se atreven con mulleres,
    e non me parece mal,
    porque a cada cousa que dijas
    contestan sincuenta ou máis.

    Remato con esta estrofa,
    xa podedes rejeifare,
    retírome a ver o Barça
    e non me vou enterare.

    ResponderEliminar
  28. Iso de non enteirarte
    é o que ti ben quixeras
    e como o Barça non gañe
    terás maís de mil regueifas.

    Teras máis de mil regueifas
    pero non para amolarte
    estas regueifas serán
    só para a ti consolarte

    Só para a ti consolarte
    dese posible fiasco
    como sigades así
    mandade o Barça ao … “tariro”

    ResponderEliminar
  29. Tumbado no seu sofá
    a Beni non hai quen lle tosa
    que janou o Barsa
    e non é calqueira cousa.

    E non é calqueira cousa
    atreverse con tantas mulleres
    por iso queda nomeado
    "O máis valente entre eles".

    (Onde c...está a cedilla no ordenador...?)

    ResponderEliminar
  30. O máis valente entre eles
    iso queda demostrado,
    ningún outro se atreveu
    a entrar neste fregado.

    Ao entrar neste fregado
    o Beni deixou moi claro
    que de plambeiro valente
    ninguén máis dalle a el o lado.

    Se non lle dan a el o lado
    é porque non hai narices
    que outra palabra máis forte
    O Segrel non a permite.

    O Segrel non a permite
    pois esta moi desgustado
    seique non tedes a ben
    Plambeiro a el consideralo.

    ResponderEliminar
  31. No sofá aínda non tumbo
    pois está sen estrenar,
    e de que janara o barça
    iso é o máis normal.

    Escribín esa estrofiña
    para disirlle a Isabel
    que a letriña busque ben:
    dereita, terseira liña.

    Miña nai, miña naisiña,
    bo que pa, que pa, que paasa?
    estades aquí todo o día.
    Pero vos non tedes casa?

    ResponderEliminar
  32. Noso benquerido Beni
    por suposto temos casa,
    pero a nós sobranos tempo,
    non nos liamos co Barça!!

    Non nos líamos co Barça,
    nin nós imos ao Ikea.
    Fainos moita falta o tempo
    para compoñer Regueifas!!

    ResponderEliminar
  33. Graçiñas pola indicación
    Agora xa no esquezo
    De por Barça con precisión
    Claro que temos casa

    E a moita honra señor
    Pero ti querido Beni
    queres dicir a última palabra
    E eso si que non

    Asi que vai silenciando
    A tua prezada voz
    Senón imos cambiar de século
    Entonando esta canción.

    ResponderEliminar
  34. O difícil da regueifa
    seica é o improvisar
    niso sodes uns artistas
    sempre andades a argallar.

    Neste tema compañerir@s
    douvos as felicidades
    porque é moi divertido
    cultivar a oralidade.

    Os rapaces e rapazas
    de seguro han aprender
    anque sexa rapeando
    regueifas han de facer.

    ResponderEliminar
  35. Estou flipando bastante
    coas historias desta xente,
    abofé nunca pensara
    qu´houbese tant´ocurrente.

    ResponderEliminar
  36. Non se pode flipar tanto,
    que as tías axiña atacan
    como se no mundo só
    coubesen bibliotecarias.

    Que si "por que no te callas"
    que tés a última palabra,
    mellor será ir ler un libro
    ou ir correndo pa cama.

    ResponderEliminar
  37. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  38. Que si che cambian o nome,
    que si che mandan calar,
    Ai Beni, meu parruliño,
    que te van a desplumar.

    Pero si de tías falamos,
    téñolle ganas á xefa
    porque sempre qu´esa tía pode
    mándam´algunha tarefa.

    Mala centella vos coma!
    Coa rima e todo isto
    Desde hai uns oito días,
    xa non parezo ben listo.

    ResponderEliminar
  39. Pois se ti non es ben listo
    a culpa penso será,
    non por mor destas Regueifas,
    senón por non estudar.

    Mais Toñito, que é o que dis?
    Ai Toñito que cabeza!!
    Vouche dar un bo consello
    non te metas coa xefa...

    A xefa é boa xente,
    a xefa é muller cabal.
    Se che manda traballar
    é por ser un lacazán.

    ResponderEliminar
  40. Chamar, chamarasme
    entre outras cousas lacazán,
    será porque o que fas coas dúas
    eu fágoo cunha soa man.

    E que pasa cos plambeiros?
    Qu´andan sempre de sobrados,
    agora qu´imos en serio
    están todos moi calados.

    ResponderEliminar
  41. Se o que fas cunha mán
    é como esta Regueifa,
    ai Toñito deixao xa
    ti non tes nin p… idea!!

    E nin a ti se che ocorra
    mentar mal a estes Plambeiros
    que aínda na lúa subido
    non lles chegas ti ao ombreiro.

    ResponderEliminar
  42. Mirade todos e todas
    como se pon de faltón
    este segrel pequeniño
    ao temblarlle o pantalón.

    E mirade aos plambeiros
    non hai ningún que abra o pico
    están todos moi quietiños
    por si acaso os critico.

    ResponderEliminar
  43. Ai osado regueifero
    nunca ti fixeras tal,
    enfrontarte a O Segrel
    moito a ti te pesará !!

    O Segrel é un Galego
    intelixente e versado
    amante da nosa lingua
    pola que el ten loitado.

    Metete ti perguiceiro,
    argallante e lacazán,
    metete ti cos Plambeiros
    e moito mellor te irá.

    ResponderEliminar
  44. Ay! Mirade para esta
    que di que non teño idea.
    Se para atopar a rima
    a pobre xa se marea.

    Por riba estase quentando,
    e vai reinvidicar a lingua.
    Pero a estas horas da noite
    a forza máis ben xa lle mingua.

    ResponderEliminar
  45. Pero de que demos falas,
    que falas ti de minguar?
    Se falamos dese tema
    o teu “nome” has mirar.

    En canto ao tema da lingua
    moito tes ti que estudar
    pois nin tan sequera sabes
    como escribir un “ai!”

    ResponderEliminar
  46. Ás críticas non tememos
    dun home que é tan manual,
    calamos porque veu a menos
    o anterior nivel cultural.

    En pleno XXI mundano
    non se pode regueifar
    con que "hago con la mano"
    a sinapsis cerebral.

    A regueifas de O segrel
    tiñan gracia, tiñan sal,
    falando entre amigos ben
    sen rebaixa neuronal.

    (Pero entón chegou aquel)

    Pensei que era un das bibes
    aquel con quen regueifei,
    pero mala cousa fixen
    pois non parece de lei.

    Pois non parece de lei,
    por iso aquí me despido
    nunca máis contestarei
    e nunca por min será lido.
    (El, non o segrel)

    ResponderEliminar
  47. En falando así Benigno,
    un home el tan cabal,
    todo queda moi ben dito
    eu aquí non volvo entrar.

    Eu aquí non volvo entrar
    refirome a estas regueifas
    pois no blogue de O Segrel
    sen el eu non me quixera.

    ResponderEliminar

Graciñas por visitar "O Segrel do Penedo". Sempre é un motivo de ledicia recibir os vosos comentarios e suxestións.