sábado, 20 de diciembre de 2014

Feliz 2015!!



viernes, 19 de diciembre de 2014

Nadal Solidario

En tempos de crise hai que botar unha man a quen máis o está a necesitar, e dende hai xa uns anos a nosa solidariedade nestas datas está cos veciños e veciñas do noso Concello 

A 3ª Chocolatada Solidaria, que celebramos hoxe como remate do trimestre, e a recollida de alimentos, que levamos a cabo durante toda esta semana, amosaron a sensibilidade dos membros da nosa Comunidade Educativa, os verdadeiros artífices de que este tipo de iniciativas saian adiante. 

E non hai Nadal que se prece que non reciba a visita de Papá Noel e nós, non íamos a ser menos, non si? Un Papá Noel que chegou cargado de caramelos e de bos desexos para o vindeiro 2015.








miércoles, 17 de diciembre de 2014

Visita ao Museo do Humor e á BPM de Fene

Esta mañá, e como xa ven sendo habitual dende hai anos, como remate ás actividades do primeiro trimestre, a rapazada de 1ºESO foi de visita ao Museo do Humor e á BPM de Fene,

Recibiunos Almudena, a coordinadora do Museo do Humor, quen nos tiña organizado un extraordinario percorrido polas distintas salas do Museo. Comezamos na sala dos espellos e, a partir de aí achegounos á figura do seu fundador o debuxante Xaquín Marín Logo pasamos polas distintas salas do museo, a sala da Banda deseñada, a do Humor negro..., un xeito de achegarnos á figura dos principais referentes do humor gráfico galego, nacional e internacional. 

Foi unha hora chea de risas e moi bo humor que rematou cunha proposta ben creativa. Partindo da obra "Cabeza Galega" do xenial Xaquín Marín, a rapazada debía debuxar outra cabeza que levara algo humorístico. E vaia que se deron renda solta á súa creatividade. Nuns días, unha vez escaneadas as súas obras, subirémolas ao blog e veredes canto artista hai no Segrel... Na despedida, Almudena agasallounos a todos cunha cinta para colgar o móvil ou as chaves, e para a nosa Biblioteca, un cartafol que inclúe once láminas con debuxos de humoristas gráficos e ilustradores galegos que fan referencia ao 30 aniversario do Museo, unha pequena xoia que axiña teredes á vosa disposición nos fondos do Segrel.

Despois pasamos á biblioteca onde Sara nos explicou a súa organización así como os distintos servizos que se ofrecen aos seus usuarios. Como remate á visita tíñalles organizado un concurso que os fixo correr polas distintas seccións da biblioteca en busca da información que se lles pedía. Os gañadores levaron como agasallo un exemplar de "Chrystyan Magic. Atrapado na torre" e un marcapáxinas, e todos os asistentes unha libretiña da Biblioteca.

Como despedida visitamos a extraordinaria exposición de caricaturas "Pola cara". Unha exposición que se inaugurou durante a celebración do XXX aniversario do Museo e que non debedes perder!!


O noso agradecemento a Almudena e a Sara pola magnífica xornada. Volveremos!!


martes, 16 de diciembre de 2014

II Xornadas de Tradición Oral "Antón Castro"

Continúa no Segrel a celebración das II Xornadas de Tradición Oral. Nesta ocasión foi Antón Castro, extraordinario músico e contador de historias, un grande do noso país cando se fala de oralidade, quen nos achegou á riqueza da nosa tradición oral. Un encontro cheo de música, risas e contos que fixeron patente na biblioteca do Segrel "a maxia da oralidade".

O noso agradecemento a Antón, a súa visita foi un marabilloso agasallo, nesta semana festiva na que estamos a celebrar a chegada do Nadal, para o alumnado de 2º e 3ºESO!!


Related Posts with Thumbnails