xoves, 27 de febreiro de 2014

Encontro con Victor Moreno no Segrel

O luns, 24 de febreiro, o profesorado que dinamiza a biblioteca do Segrel, acompañado por compañeiros  e amigos de outras bibliotecas escolares de Ferrolterra tivo o pracer de disfrutar do Encontro con Victor Moreno, un dos grandes dentro e fóra do noso pais cando se fala de escritura, lectura e literatura. O que nun principio ían ser dúas horas convertíronse en catro e aínda así quedaron curtas...

Victor comezou léndonos o conto "El unicornio en el jardín" de James Thurber, tal e como sempre facía nas súas clases. Cada día comezaba coa lectura dun conto, ou dun poema, co que ao remate de cada curso eran máis de 170 contos e poemas os que tiñan lidos. Que non é pouco!! Contounos unha divertida anécdota cun grupo de alumnos despois de ler os poemas de Spoon River de Edgar Lee Masters e deixou ben claro que a responsabilidade da competencia textual do noso alumnado é de todo o profesorado, non so dos departamentos de lingua, e que para iso está aí o "Proxecto Lector de Centro". E a partír de aí levounos paso a paso cara ao "Desenvolvemento da competencia escrita". 

Ao longo da tarde podemos descobrir o Victor provocador, irónico, cun enorme sentido do humor e sempre apaixoado da que foi a súa profesión. E claro, houbo tempo para falar do Informe Pisa, da súa experiencia como crítico literario e de poder disfrutar da súa experiencia e bo facer. Todo un pracer!!

Encontro Victor Moreno
Clicar na Imaxe para ir ao Álbum do Encontro



Publicacións na serie Blitz do Goberno de Navarra

martes, 25 de febreiro de 2014

24 de Febreiro: Día de Rosalía

Onte, día 24 de Febreiro, no Segrel, ao longo da mañá, a rapazada da ESO celebrou, como non podía ser menos, o Día de Rosalía cunha festa chea de música e poesía.

Abriuse o acto coa Alborada de Rosalía de Daniel Bellón, un dos mellores gaiteiros de Galicia e antiguo alumno do IES de Fene, escoitamos tamén "A xusticia pola man" na voz de Aid, do seu disco Rapoemas, e despedímonos con  "Negra Sombra" na versión de Luz Casal e Carlos Núñez.

Os grupos de 1º ESO fixéronnos un fermosísimo regalo, Julián cantou a capela, e marabillosamente ben, por certo, "Adios ríos, adios fontes". Un gran día no que descubrimos unha fermosa voz que teremos moi en conta para próximas celebracións. (Podedes escoitalo en Radio Barullo)

Velaí tedes a nosa escolma poética: Unha escolma que comeza co poema "Cantigas dun verán avesío" dedicado a Rosalía por Xosé María Pérez Parallé (O Segrel do Penedo), e remata co poema "A Rosalía" de Manuel Curros Enríquez

Con esta escolma fixemos un pequeno libro de poemas que entregamos a todo o alumnado que participou na celebración.

Logo da lectura de poemas, houbo quen tamén quixo participar nos  "Selfies" #euRosalía. Que nos gustou moito esa proposta. Fantásticos!!

Así foi como sucedeu parte da xornada...

venres, 14 de febreiro de 2014

Un Día moi Poético no Segrel!!


Tíñades que ver esta mañá as caras da rapazada cando entraron na biblioteca durante o primeiro recreo... Os que levaban algún préstamo o viñan devolvelo collían o seu agasallo. Profes e alumnado case deixan o segundo recreo sen agasallos!! 

Cantos poemas se leron hoxe no Segrel. Todo un éxito!!

Logo, durante as clases, as emisarias de Cupido, entregaron fermosas cartas de amor e marabillosos ramos de frores, aos seus destinatarios e destinatarias. 

Velaí tedes o que aconteceu no Segrel nesta mañá tan agarimosa...

No atril que hai á porta da biblioteca, deixamos esta pequena escolma poética:

xoves, 13 de febreiro de 2014

San Valentín Poético

Este ano, porque pensamos que todos os momentos son bos para disfrutar da maxia da poesía, o noso San Valentín ven cargado de fermosos poemas cos que agasallaremos aos visitantes da biblioteca e da cafetería, porque a poesía está en todas partes, so hai que deixarse atrapar por ela...

Velaí tedes como quedou todo organizado. Non faltan árbores cheos de corazóns, caixas moi amorosas que agochan unha sorpresa poética, poemas enrolados en fermosos corazóns e unha pequena escolma poética que saiu dos andeis para estar máis perto de todos nós e así animarnos a disfrutar dela.

E unha pequena sorpresa dedicada moi especialmente á rapazada de 3º e 4º de ESO. Os catro poemas dos que tanto disfrutaron no seu encontro con Juan Mata o pasado luns están agochados neses corazóns.

luns, 10 de febreiro de 2014

Encontro con Juan Mata no Segrel

O luns, 10 de febreiro, foi un día perfecto no Segrel. Disfrutamos dun extraordinario encontro con Juan Mata mañá e tarde.  

Pola mañá, a rapazada de 3º e 4º ESO comprobou dun xeito fascinante "O valor das palabras". Juan comezou léndolles o poema "Palabras" de Gianni Rodari e a partir de aí achegounos á poesía de José Carlos Rosales, Isabel Escudero, Catulo... Descubriron e se emocionaron coa historia de Juul, de Gregie de Maeyer, compartiron aquelas lecturas que os marcaron, algunhas experiencias lectoras que os emocionaron e moito, moito máis. Porque é imposible explicar tantas emocións, sentimentos e sensacións que xurdiron nese par de horas que compartiron con Juan e Andrea, a súa dona. Un encontro do que parece que agromou o xermen dun posible proxecto moi fermoso, pero do que aínda non vos podemos contar nada... 

Pola tarde, e dentro do curso "A literatura infantil e xuvenil na Biblioteca Escolar" organizado polo CFR de Ferrol e que se está a desenvolver en distintas bibliotecas escolares de Ferrolterra, tal e como se fixo o curso pasado, Juan Mata nos falou de "A animación á lectura". O ambiente da lectura, a creación do lector e o gusto pola lectura. Falamos de álbumes ilustrados, de poesía, cine... e fixemos un itinerario lector partindo de "La historia de Erika" de Ruth Vander Zee, ata chegar a "Si esto es un hombre" de Primo Levi. Toda unha lección de bo facer. 


Como Juan Mata escribiu na dedicatoria do noso exemplar do seu marabilloso e moi recomendabel "Como mirar a la luna" 

"Un día feliz en el que hemos hablado de libros, jóvenes, literatura infantil, emociones..."

Dende O Segrel, o noso agradecemento a Juan e a Andrea por compartir con nós un día inesquecible cheo de libros e lectura.

Related Posts with Thumbnails