mércores, 29 de maio de 2013

Roteiro Plambe-Ferrolterra (XV) IES Catabois (Ferrol)

Hoxe, mércores 29 de maio, @s coordinador@s do Plambe-Ferrolterra celebramos a derradeira reunión do curso, nesta ocasión foi na Biblioteca Queremos Ler do IES Catabois en Ferrol.

Como era a despedida do curso, fixemos o posible por estar tod@s, aínda que foi imposible. Botamos en falta a máis dunha e a máis dun, pero é o que teñen as reunións cando estamos xa na recta final. Hai que botar a vista atrás e comezar a facer "memoria"... e iso implica papelame e máis papelame, e horas e máis horas de traballo.

Mentres facíamos a visita de rigor, pescudando todos e cada un dos recunchos da biblioteca, Xoán e Begoña do CEIP de San Sadurniño amosáronnos a súa "Bolsa dos contos", un fermoso mar azul cheo de peixes, polbos, caracolas...  E chegou o momento de comezar coa "orde do día". Nesta ocasión foi Gabriela que nos amosou o novo Blog da Biblioteca do CFR de Ferrol. Recomendámosvos que vos pasedes por el e comprobedes as moitas e estupendas novidades que alí aparecen. Despois A pescadora de historias, achegounos á plataforma Edu 2.0 que eles están a utilizar. E para rematar, nós presentámoslles a fantástica ferramenta de "curación de contidos" Scoop.it e os Planetakis das Bibes Galegas de Secundaria e de Infantil e Primaria así como o Planetaki dos Clubs de Lectura. Nesta reunión decidimos crear o Planetaki das Bibes do Plambe-Ferrolterra, para ternos a todos máis á mán, e será Rosana, unha das artistas do grupo, a encargada de deseñar o seu logo.

Rematada a sesión de formación, como recordo do noso paso por esta fermosa biblio, entregamos a  Laura, Mónica e Yolanda, as artífices desta magnífica biblioteca escolar, un Principito en formato pop-up que cremos lles encantou.

Tras a "dura" xornada, o que nos pedía xa o corpo era dar boa conta do café e das deliciosas lambonadas (Biscoito de cenoria, rosquillas e torta) que as nosas anfitrionas nos tiñan preparadas. 

Benquerid@s Plambeir@s de Ferrolterra, foi un pracer compartir con tod@s vós estas Xuntanzas.

O curso que ven "máis"!!

martes, 28 de maio de 2013

Lecturas Compartidas Club do Segrel e Club da BM Ares

O pasado martes 28 de maio, o Club de lectura do Segrel de pais e nais reuníuse co Club de lectura da BM de Ares nunha xornada de lecturas compartidas. 

Durante este curso foron varias as lecturas que compartimos con este club, entre outras, "Tardes con Margueritte", "La ladrona de libros", "Sueños en el umbral"... pero nunca antes tivéramos unha xuntanza para comentar esas lecturas e decidimos propoñerlles unha reunión conxunta de ambos clubs, proposta que aceptaron ao momento. A lectura escollida foi "La hija del Este", extraordinaria Clara Usón cun relato cru que nos fai aflorar sentimentos, emocións... describindo a realidade dunha guerra fratricida e da que fomos testemuña directa a través dos telexornais hai pouco máis de 20 anos. 

O tema da novela, o proceso de documentación da autora, a estrutura da obra, as súas personaxes, todo foi escudriñado nese par de horas que durou o encontro. Unha reunión moi agradable, endulzada cuns chocolates suizos cos que nos agasallou unha das integrantes do club, recén chegada dese país, que esperamos repetir o martes día 11 no Segrel nunha sesión de "Cine palomitas" na que veremos a película "Mis soles espléndidos" dirixida por Christian Neri, adpatación da novela de Khaled Hosseini. Será o perfecto remate para un curso fantástico de lecturas e momentos compartidos.


domingo, 26 de maio de 2013

Triunfadora "Miriam Otero" - 2º ESO

O pasado luns, 20 de maio, sorprendémonos, mentres tomamos un café, cunha noticia na sección deportiva de "La Voz de Galicia". Pasamos a folla e alí está ela, Miriam Otero, a nosa alumna de 2º de ESO, concedendo unha entrevista na que fala dos seus logros no atletismo, unha das súas paixóns, mais non a única.

Miriam, asemade no deporte, destaca nos seus estudos, é unha alumna extraordinaria, neste terceiro trimestre, na materia de Inglés, traballou nun proxecto sobre o chocolate, do que tamén recoñece ser unha apaixoada, pero confesa, resignada, que non pode comer tanto como lle gustaría... Mais non por iso deixou de saborear un bo chocolate con churros durante o noso pasado Nadal Solidario. Miriam é moi solidaria e participativa e lle encanta ler, de feito é membro dun dos clubs de lectura da rapazada dende o curso pasado, cando chegou ao instituto.

Como podedes comprobar, é unha moza moi responsable que sabe organizar moi ben o seu tempo para ser quen de disfrutar de todas as súas aficións.

Dende O Segrel os nosos parabéns á nosa benquerida Miriam.

"May all your dreams come true!!"



venres, 24 de maio de 2013

SOMOS

Somos
No Segrel hoxe, porque nós SOMOS ASÍ, saímos á rúa amosando, coa roupa volta do revés, que queremos cambiar o mundo!!

Con pantalóns, camisas, camisetas, chaquetas... voltas do revés, chegamos hoxe ao instituto tanto alumnado, case todo da ESO, como profesorado, e, no primeiro recreo, despois de que un grupo de 3º de ESO debuxase o logo de SOMOS no chan do patio, saímos para fotografarnos todos xuntos e dicirlle ao mundo que "queremos cambialo"!!

E vós, que dicides?                                                            Clicar na imaxe para ir ao Álbum fotográfico

mércores, 15 de maio de 2013

"Xogos Populares"

E rematamos as nosas actividades festivas con xogos populares, cos que tanto disfrutamos alumnado e profes... 
Coa buxaina descobrimos algún que outro artista, pero quen máis nos impresionou foi Antonio, alumno de 2º de ESO, todo un especialista ao que xa vemos organizando un obradoiro no que nos iremos poñendo ao día o resto.
Tamén houbo varios grupos que disfrutaron, e moito, saltando á corda e aí tamén estivemos os profes, que aínda nos esquecemos aqueles tempos cando xogar na rúa era a nosa actividade favorita...
A chave non podía faltar nun concello onde hai tanta tradición.
A Rá, na que destacou Natalia, de 1º da ESO. Vaia puntería!!
Coido que despois desta xornada festiva, se a primaveira non segue a facerse de rogar, haberá máis días nos que os xogos populares amenizarán os nosos recreos. Eu apúntome, e vós?

Álbum Fotográfico da Xornada

"Poemas para un Día"

Como xa ven sendo habitual no Segrel, a celebración das Letras sempre trae consigo unha actividade arredor da poesía. "Poemas para un Día" ven celebrándose nos últimos cinco anos. Unha iniciativa que ten como obxectivo o achegamento á poesía e aos poetas galegos. Nesta ocasión os elixidos foron:
"Como unha fisgoa" de Rafa Villar, "Os domingos, maiormente" de Kiko Neves, "O amor" de Lupe Gómez, "Saudade" de Eduardo Blanco Amor, "061" de Carlos Negro, "O puñal de dúas follas" e "No máis fondo, no máis fondo" de Ramón Cabanillas,"Meu avó dixo" de Eva Veiga, "A unidade componse" de Xela Arias, "Pedra figueira" de Mª Xosé Queizán, XLVI e XVLII" de Xoán Abeleira, "Non coidarei xa os rosales" de Rosalía de Castro, "Corrupción" de Yolanda Castaño, "Monólogo do vello traballador" de Celso Emilio Ferreiro, "Épica dos vencidos" de María do Cebreiro, "Con toda a roupa" de María Reimóndez, "Quedou o teu nome" e "Os teus ollos vivos" de Antonio Gª Teijeiro, "A viaxe en nave espacial" de Paula Carballeira, "Asoballábame o alento" de Mª Xesús de la Torre e "Cidades" de Fran Alonso.
Unha boa escolma, non?

Como actividade previa, organízouse un concurso de poesía que gañou Noelia Freire (3º ESO) 


martes, 14 de maio de 2013

Teatro "As Bruxas das Penas de Montille"

As Bruxas das Penas de Montille
E tras o fotocol de Gústame o Galego, tendo en conta que as Letras Galegas 2013 adícanse a Roberto Vidal Bolaño, un dos grandes dramaturgos do teatro galego, toda a ESO marchou ao Círculo Mercantil de Fene, onde o grupo xuvenil de teatro "Xosé María Pérez Parallé" representou a obra, "As Bruxas da Pena de Montille", na que parte do elenco, - Aldara (protagonista), Silvia, Victoria, Andrea (bruxas) e José Carlos - son alumn@s de 4º da ESO do noso centro. 

A obra, adaptada e dirixida por Carlos Basoa, foi todo un éxito. Dende O Segrel, os nosos parabéns á rapazada, estiveron fantásticos e, por suposto, ao seu director, un home que leva moitos anos traballando na difusión do teatro entre grandes e pequenos do noso  Concello.

Clicar na imaxe para ir ao álbum fotográfico

Gústame o Galego

Comezamos a celebración do Día das Letras Galegas, este ano adicado a Roberto Vidal Bolaño, do mellor xeito posible, facendo a nosa declaración de principios dun xeito ben orixinal, dicindo ben clariño "Gústame o Galego" , unha iniciativa da Coordenadora de Traballadores pola Normalización Linguística que están a percorrer o noso país e o IES de Fene tamén quería estar nese "fotocol"

Dende as 9.00 ata as 12.00 da mañá, hora na que saíamos para o Teatro, alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos, pais, nais e amigos do Segrel, achegáronse canda nós para dicirnos...
Gústame...
  • o xeado con sabor á terra (O lema gañador do noso concurso - Andrea Goti - 3º ESO)
  • que se faga xustiza co Galego
  • que me digan "qrt m8" ; -)
  • que che guste a miña lingua :-P
  • soñar en galego e espertar cun "bo día"
  • que che guste a miña lingua para pedirme que confíe en ti
  • que no deporte o galego non quede fóra de xogo
  • que as mates, a ciencia, a tecnoloxía... sexan en galego!
  • que intentes falar en galego, aínda que che custe pouquiño
  • poder ter o móbil, o tablet ou o ordenador en galego
  • que me lembres en galego
  • o galego con acento africano
  • A Coruña, gústasme ti
  • que non nos coma a lingua o gato
  • o seseo (e a gheada, e o rotacismo...)
  • poder entenderme en galego con máis de 200 millóns de persoas
  • como empezan a falar galego @s pequerrech@s
  • que me entren en galego ;-)
  • que o galego me acompañe sempre
Algúns dos lemas do concurso organizado no centro: Gústame...



E así recolleron a noticia dende Radiofusión Fene

Related Posts with Thumbnails