sábado, 23 de abril de 2011

Hoxe Cumplimos 4 Anos !!

Así é, xa levamos catro anos e a experiencia segue a ser ben gratificante.

A través deste blog da nosa biblioteca escolar entramos na blogosfera o 23 de abril de 2007, e a partir de aí todo foi un non parar... ese primero ano creáronse tamén o blog do club de lectura, o blog dos segreis e o álbum fotográfico, ao ano seguinte sairon a nosa Radio Escolar e a Canle de YouTube, no 2009 entramos nas redes sociais a través de Facebook e o ano pasado en Twiter. E en todas estas ocasións a data clave foi o 23 de abril, o Día do libro e os dereitos de autor. Que mellor data para festexar nunha Biblioteca Escolar, non?

E que imos facer este ano? Cal será a sorpresa que O Segrel nos ten agochada?

Nesta ocasión a sorpresa ten que ver cun obxectivo que tiñamos en mente dende hai xa ben tempo, pero que por iso mesmo, polo tempo, ou mellor dito, pola falta del, non puidemos acometer ata este curso.

Como ven sendo habitual dende que entramos no Plambe, alá polo 2005, -canto camiño percorrido...!!- todos os cursos solicitamos un Grupo de Traballo xa que ese foi o compromiso asumido cando nos presentamos á convocatoria do Plan de Mellora. Con este, xa son 6 anos de formación continuada de todos os membros do grupo da biblioteca -máis de 2.400 horas de formación sumamos entre todos, e só tendo en conta as horas destes grupos de traballo-.

Nesta ocasión decidimos traballar na elaboración dunha base de datos de recursos que hoxe queremos presentarvos e animarvos non só a que a utilicedes, senón a que colaboredes con nós para continuar enchéndoa de contido e conseguir que sexa unha gran base de datos.


E non deixedes de entrar no que será a nosa base de cine, onde atoparedes non só información das películas dos nosos fondos, senón tamén guías didácticas para o traballo nas aulas.


Esperamos que vos sexa de utilidade!!

Podedes entrar nas bases de datos clicando nas imaxes.

sábado, 9 de abril de 2011

Encontros do Plambe 2011

Onte, e como xa ven sendo habitual nestas xuntanzas dos centros que formamos parte de PLAMBE, a labor da Asesoría de Bibes Galegas foi excelente. Excelente pola organización, (xefas, fantástica esa comida no campeiro...!!), @s magnífoc@s poñentes, -como sempre tamén nestas ocasións, tiñamos "o corasón partío " nas sesións simultáneas, así que decidimos ir ao obradoiro de Kiko da Silva no que xurdiu o que pode ser o Proxecto do vindeiro curso- (a cabesiña, que non para....!) o ambiente que se crea entre os asistentes, as reunións dos grupos de zona... todo sen excepción perfecto!! Parabéns Cristina e Pilar polo voso bo facer!!

Máis estes Encontros estarán sempre marcados por un peche moi especial, un peche extraordinario a cargo de D. Xosé Neira Vilas, quen, en palabras de Pilar Sampedro na súa presentacion é "o único clásico que aínda queda vivo" quen, "sempre amosou o seu compromiso con Galicia e a súa mocidade" e que grazas a xente como el "Galicia ten un lugar no mundo".

E que se pode engadir sobre un dos grandes do noso país que non se dixera xa?

Foi un verdadeiro placer escoitar a súa lembranza daquela escola rural a 8 km. da casa e cunha biblioteca chea de "vidas de santos". Do extraordinaria que foi para el a descuberta da escrita. Do seu gosto dende ben neno pola lectura. Dos libros agochados baixo as tellas. Dos cartos gañados "honradamente" para mercar máis libros. Daqueles libros mercados contra rembolso e do consello do seu pai "pide libros, pero con moderación"...

Da emigración a Arxentina, "emigro, en certo sentido, para achegarme aos libros", e a súa primeira relación alí coas bibliotecas escolares ás que lles doaba os libros que mercaba nas librerías de vello da Praza de Maio. O seu apadriñamento en Cuba do Colexio Concepción Arenal.

A súa labor á fronte da Editorial Follas Novas cuxo obxectivo era o de difundir a Literatura Galega. A publicación da revista "Zunzún" e a súa relación tan estreita e persoal cos lectores. As actividades de fomento da lectura que levaban a cabo e segue a levar dende a súa Fundación...

Neira Vilas falou as súas "experiencias persoais arredor do libro e a lectura" e coa presencia constante da súa compañeira Anisia con quen compartiu vida, soños e proxectos. Unha lembranza que nos fixo emocionar fondamente acompañada pola figura de Balbino "Memorias dun neno labrego" do que se está a celebrar o cincuentenario da súa publicación e que supuxo o comezo da literatura xuvenil en galego, "aínda que non fora escrita para nenos".

Con este grande das nosas letras rimos e choramos, compartimos lembranzas e o seu amor pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua.

Grazas Don Xosé!!



Ligazóns do artigo vía Asesoría

Programa dos Encontros clicando no cartel.

Todo sobre estes Encontros, no espazo Moodle no que se pode entrar como convidado.

Pasade e disfrutade case tanto coma nós!!

jueves, 7 de abril de 2011

Roteiro polas Bibes de Ferrolterra (III) - CEIP O Ramo

O pasado xoves, e seguindo con esta boa costume de facer as reunións do Grupo de Bibes de Ferrolterra de visita polas distintas bibliotecas escolares da comarca, chegoulle o turno á Biblioteca do CEIP O Ramo de Fene.

Unha biblioteca que está a ser renovada e á que xa se lle ve o marabillosa que quedará despois da ampliación. Pero antes de entrar na biblioteca, Flor e Rebeca fixéronnos un percorrido polo centro. Quedamos abraiadas polas marabillosas portas que están a deseñar para cada unha das aulas e que o alumnado, durante a hora de titoría, se encarga de facer utilizando distintos materiais, plastilina, serrín,... e cores, moitas cores.

Un centro que ten unha marabillosa ludoteca, un recuncho cheo de maxia e que, estamos seguras, fai as delicias de grandes e pequechos.

E unha vez feito o percorrido e xa na biblioca falamos de proxectos e ultimamos os detalles da homenaxe a Xoán Farias do pasado día 2, mentres dábamos conta de dúas deliciosas tartas con café e infusións. Que estas anfitrionas non perden detalle e xunto co café chegaron chocolates e libretiñas de notas para cada unha das asistentes.

A reunión foi tan estupenda, que a piques estivemos de esquecer darlles o cariño que lles levamos... Un exemplar de "La verdadera historia de los tres cerditos" Ufffffffffffff, vaia despiste!!!!

Foi unha tarde ben aproveitada e dende aquí o noso agradecemento as dúas magníficas anfitrionas coas que xa estivemos a argallar algunha actividade conxunta.


A próxima reunión podería ser o 27 de abril na Biblioteca Saturnino Hemida do IES Concepción Arenal de Ferrol. Que che parece Ana?

domingo, 3 de abril de 2011

Homenaxe a Juan Farias no Día da LIX

O pasado venres, en "O Segrel" celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha pequena homenaxe a Juan Farias, un dos grandes escritores da literatura xuvenil.

Unha homenaxe que xorde nunha xuntanza das Bibliotecas Escolares de Ferrolterra, a proposta da Biblioteca do CEIP de Pazos que leva o nome deste autor.

Nesta pequena homenaxe, connosco estivo non só un grande da literatura do noso país, Xabier Docampo, senón unha extraordinaria persoa para quen o valor da amizade é tan importante que non dubidou en achegarse á nosa biblioteca para compartir un par de horas co alumnado de 1º e 2º de ESO para falar, non da súa persoa, nin da súa obra, senón para falar da persoa e da obra do seu amigo Juan Farias de quen se recoñece un grande admirador.

Xabier falounos de Farias, desa fonda amizade que os une dende hai moitos anos, da súa vida, plagada de anédoctas, e da súa obra, centrándose especialmente na novela "Os nenos numerados" que foi a que lemos tanto nas aulas como no Club de lectura.

Dende O Segrel, agradecer a Xabier o tempo que nos adicou e o xeito tan agarimoso de achegarnos á figura e á obra deste autor.

Velaí tedes unha mostra dese fermoso encontro no que o alumnado tivo unha participación especial coa lectura de distintos parágrafos da novela elixidos por eles por ser os que lles provocaron algún sentimento especial. Ao remate desta lectura Sara Permuy, alumna de 1º de ESO, interpretou ao clarinete "Greensleves".


A vindeira semana teredes os vídeos deste encontro en Radio Barullo

sábado, 2 de abril de 2011

2 de Abril con Xoán Farias



Noraboa a todos os nenos e nenas, mozos e mozas que participaron e encheron de vida os libros de Xoán Farias.

Preme no cartel para acceder ás actividades dos distintos centros que participan nesta homenaxe.

Related Posts with Thumbnails