venres, 25 de xuño de 2010

Suxestións de Lecturas Para o Verán

POR UN VERÁN CHEO DE LECTURAS COMPARTIDAS!!



FELICES VACACIÓNS !!

E NON ESQUEZADES QUE...

O SERVIZO DE PRÉSTAMOS
PERMANECERÁ ABERTO DE 11 A 13 HORAS
TÓDOLOS DÍAS ATA O 11 DE AGOSTO.

QUE SEIQUE O INSTI SEN VÓS É MOI ABURRIDO...!!

martes, 22 de xuño de 2010

English Project: "Xacobeo"

Durante o presente curso académico, e por primeira vez, decidimos traballar cun proxecto en 3º de ESO.

Eliximos o Xacobeo e a experiencia foi moi positiva, sen pasar por alto que tod@s temos moito que aprender na aplicación deste tipo de metodoloxías... decir que o alumnado, en xeral, traballou moi ben e ao longo do curso achegámonos a distintas ferramentas e recursos que a chamada Web 2.0 pon á nosa disposición.

Hoxe, último día de curso, tod@s eles/as pediron continuar utilizando a mesma metodoloxía o vindeiro curso, a pesar de que confesaron que había que traballar máis que utilizando o libro de texto...

Hummmmm, estades de acordo con eles? Vexamos o que fixemos ao longo do curso...

Comezamos realizando distintas actividades ALFIN elaboradas polo equipo da biblioteca e que foron traducidas polo departamento de inglés "Let's do research"

E a partir de aí, pasamos á busca de información e a posterior elaboración de distintos documentos. Primeiro foi unha presentación en PowerPoint, logo, cada alumn@ deseñou o seu propio folleto sobre un aspecto concreto do Xacobeo e finalmente un libro virtual e, como non podía ser menos, velaí tedes o cartel virtual que preparou Ana.

Rosa Aneiros cos Clubs de Lectura do Segrel

O luns día 7 de xuño celebramos o fin de festa dos clubs de lectura do Segrel cun fantástico encontro con Rosa Aneiros.

É esta unha experiencia que ano tras ano vimos realizando como remate das sesións dos clubs de lectura e, como ides comprobar, cunha extraordinaria aceptación por parte de tod@s @s asistentes.

Cando, hai xa tres anos, comentamos a nosa idea de facer unha reunión conxunta cun autor, naquela ocasión foi con Fran Alonso, e os membros dos clubs de lectura de alumnado e o de pais, nais e profes, houbo algún compañeiro que nos amosou as súas reticencias porque, segundo parecía, aos 15 e 16 anos non nos gusta estar cos nosos pais e nais neste tipo de actividades, que a rapazada non disfrutaría...

Que equivocados estaban os que así falaban! A experiencia non pode ser mellor nen máis positiva. En todas as ocasións son eles, os mozos e mozas, os que piden que se volvan a repetir estas xuntanzas conxuntas.

O encontro con Rosa Aneiros foi inesquecible. Comezaron Jose, un pai, e Laura, alumna, facendo unha estupenda presentación de Rosa. Laura fixo unha breve reseña biográfica e Jose falou do que para el supuxo a lectura de "Sol de inverno". E a partir de aí, e durante máis de tres horas falamos de libros, de lectura, do proceso que se segue para escribir un libro; falamos de "Inverno" e analizamos a numeración dos capítulos de "Ás de bolboreta", que era algo que intrigaba moito a algún dos nosos rapaces,... e, por suposto, coñecemos unha miaxiña máis a esta extraordinaria escritora e mellor persona, e así soubemos que...:

"A literatura é todo o que os lectores van conformando a partir do que leron"

"Cando máis aprendo dos libros é cando os comparto"

"Cando remato unha novela os personaxes deixan de ser meus"

"A min o que me dá para escribir historias é vivir"

Velaí tedes algunhas imaxes do que alí aconteceu...




E non podíamos, nin queríamos esquecer o que opinan sobre Rosa Aneiros e esta experiencia conxunta algúns dos asistentes:

Pais, nais e profesorado:


"Poucas veces coñecín a un escritor ou escritora que fora tan asequible como Rosa Aneiros. Agradable, sinxela, comunicativa, clara, concisa, familiar... Dáche a sensación de que a coñeces de sempre, de toda a vida. Encántalle escoitar aos demais e aos demais nos encanta escoitala a ela. Unha auténtica profesional"
Mª Carmen Arnoso

"Hai veces que as verbas escritas dun autor/a fannos imaxinar unha personalidade, unha presenza, un estar, porque -imaxino- en cada obra hai algo de si mesm@s, do seu propio ser, do seu pensamento. Adoitame pasar con es@s escritor@s que te aferran ao libro ata rematares, nos que calquer obriga que te separe das páxinas é un contratempo. Logo, un día, coñécel@s e, como cando ves unha película logo de ler o libro, sintes que non era es@ @ autor/a que ti imaxinaches, e sintes un pouco de mágoa, un "para-que-viría". Con outr@s (Fran Alonso, Agustín, Marilar...) o encontro é fantástico e gozoso.
Con Rosa Aneiros foi fantástico, gozoso e fabuloso. Levou con tanta naturalidade a timideza d@s que alí estabamos para iniciar as preguntas, con tanta prestancia as preguntas d@s rapaces e rapazas, facéndolles atopar por si mesm@s as respostas ao que preguntaban, foi tan sincera nas respostas, que por un intre, escoitándoa falar dos seus personaxes, do seu padriño, das súas primeiras experiencias na escola de Valdoviño, pasoume polo maxín que a Biblioteca do IES se transformara e alí estabamos tod@s, sentad@s polo chan, nas alfombras, nos sofás, tomándonos uns cafés (cacao para menores non acompañad@s), nunha charla de xente que se coñece de hai moito tempo.
O sorriso constante, a naturalidade, as respostas concretas, claras, a falta de présa dunha persoa que non vive disto, que ao día seguinte tería que erguerse cedo para acudir ao seu traballo, o humor... Non sei se se nota que quedei prendada desta persona, porque da escritora xa estaba. Que é desa xente de quen podes decir sen medo a errar que ten calidade humana. E tamén "calidez". Cando vai volver???"

Maribel Serantes

"Foi unha experiencia moi positiva. O saber estar de Rosa Aneiros nos fixo pasar un rato do máis agradable. Cunha soltura propia dunha gran escritora como é, deunos todo tipo de detalles e anécdotas sobre as súas obras, de como as foi elaborando e fixo posibles dende un principio. A familiaridade e atención con que nos tratou foi para min o que máis me chamou a atención. Por sorte, vexo nela un claro exemplo de humildade nunha persoa que dada a súa traxectoria podería considerarse unha celebridade"
Juan José López

"Pasoume o mesmo que con Agustín, se non tivera lido nada dela iría rápidamente a mercar algúnha das súas novelas. Encantoume!"
Inma Rodríguez

Alumnado:

"A actividade levada a cabo no club de lectura gustoume moito porque gracias a Rosa Aneiros todos os compoñentes do Club (nen@s e adultos) aprendimos algo máis desta marabillosa escritora e dos seus libros e tamén dos mellores escritores Galegos
"
Laura López

"Pareceume un bo día no club de lectura xa que veu Rosa Aneiros e deunos ideas para facer as nosas propias historias.
Ademais estivemos xuntos rapaces e adultos!"
Diego López

"Realmente creo que foi unha tarde ben productiva. O ritmo de preguntas foi constante, de maneira que o intercambio de opinións, consellos e pensamentos non se detivo en ningún momento. Ademais, Rosa posuía unha capacidade oral moi fluída, e estiven de acordo en case todo o que ela dicía. Respondeu a todas as preguntas satisfactoriamente."
Roi Gándara

"Rosa Aneiros inspiroume!"
Juan Carlos

Se queredes ver a reportaxe gráfica podedes entrar no noso Álbum Fotográfico ou ver unha presentación de Picassa

Axiña a reportaxe en Radio Barullo e na canle de You Tube do Segrel.

luns, 21 de xuño de 2010

Día Europeo da Música

Hoxe comeza o verán e hoxe, e dende o 2006, se celebra o Día Europeo da Música. Así que decidimos traervos algún deses temas que sempre formarán parte da historia da música de todos os tempos...

Velaí tedes esa pequena selección coa que esperamos disfrutedes.

venres, 18 de xuño de 2010

Saramago "In Memoriam"

Hoxe deixounos José Saramago. Un poeta, escritor, dramaturgo e periodista; un home comprometido coa época que lle tocou vivir, que nos soubo transmitir ...

A súa paixón polos Libros:

"Empezar a ler foi para min como entrar nun bosque por primeira vez e atoparme de repente con todas as árbores, todas as flores, todos os paxaros. Cando fas iso, o que te deslumbra é o conxunto. Non dis: gústame esta árbore máis cas demais. Non, cada libro no que entraba tomábao como algo único."

El País Semanal, Madrid, 29 de novembro de 1998

Pola Lectura:

"Algunas persoas pasan toda a súa vida lendo, pero nunca chegan máis aló de ler as palabras na páxina, non entenden que as palabras non son máis que pisar as pedras colocadas a través dun río que flue rápido, e a razón é que están aí para que poidamos chegar á outra orilla, é o outro lado o que importa."

A súa loita pola Paz:

"Resulta moito máis doado educar aos pobos para a guerra que para a paz. Para educar no esprito bélico basta con apelar aos máis baixos instintos. Educar para a paz implica ensiñar a recoñecer ao outro, a escoitar os seus argumentos, a entender as súas limitacións, a negociar con el, a chegar a acordos. Esa dificultade explica que os pacifistas nunca conten coa forza suficiente para gañar... as guerras."

"Israel é rentista do Holocausto", en ¡Palestina existe!, Madrid, Foca, 2002 [Prólogo e edición de Javier Ortiz]

O Blog de Saramago

Fundación Saramago


xoves, 17 de xuño de 2010

A Frase do Mes



"[...] Coma o comer, como beber auga, velaí a mellor loanza da lectura. Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendérmonos. Para vivir outras vidas, para loar todo o que a existencia nos dá. Pois os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos.

As historias, os libros: eis o fío verdadeiro que nos une a todas as persoas do planeta."


Oito Odas para San Simón

Agustín Fernández Paz


martes, 15 de xuño de 2010

Xornada Clubs de Lectura

O pasado venres asistimos á Xornada dos Clubs de Lectura celebradas en Santiago, e se só puidésemos utilizar unha palabra para describila esta sería "extraordinaria".

Extraordinaria a xuntanza da tarde do xoves con Cristina e Pilar e as coordinadoras de zonas, e a cena posterior. Ali coñecemos a Ana Tato de Viveiro e Chus Juanatey de Santiago e nos reencontramos con Carmen Suárez de Cambre. Extraordinarias!!

Extraordinaria Ana Mª Margallo quen na mañá do venres nos falou de "Fomento da Lectura" e de "Educación Literaria", de "lectura e xóvenes"

Extraordinaria a xuntanza dos coordinadores e coordinadoras dos Clubs de Lectura da zona de Ferrol onde estiveron con nós Gabriela e Ánxela, asesoras do CFR de Ferrol

Extraordianria a mesa de debate con Pedro Lamas de Caldas, "iESCALDaletras", Luís Gómez de Rois, "As Pintoras Daltónicas", Almudena Platero de Ourense, "As catro esquinas do quinto" e Xosé Manuel Eyré de Monforte.

Extraordinario Benjamín Prado que fixo unha fermosísima loubanza da figura do mediador nas persoas de Rafael Alberti, de Ángel González e do seu admiradísimo profesor Fernando Borlán, -grazas Pilar por ese oportuno exemplar de "Ecuador" que nos permitiu escoitar na súa voz o poema "Días de lluvia"-

Extraordinario "Uxío Novoneyra" fillo que pechou a xornada do mellor xeito posible, lendo poemas do gran Novoneyra (Axiña o teredes en Radio Barullo)

Xa o dixemos, sempre pensamos que é imposible superar o listón que marcan as organizadoras destas xornadas, pero elas, ano tras ano, nos sacan do noso erro.

Velaí tedes o programa, os materiais (entrade como convidados) e unha pequena reportaxe gráfica.



domingo, 6 de xuño de 2010

Poemas Ilustrados

Con motivo do "Día das Letras Galegas" todos os anos se convoca un concurso de poesía. O primeiro e o segundo premio publícanse nun libriño de poemas de autor@s galeg@s co que logo realizamos a actividade "Poemas para un día". Pero este ano xurdiu unha nova idea. Propuxémoslle a pais, nais, profesorado, alumnado e amig@s, que nos ilustrasen os poemas dese libriño, o que serviu, unha vez máis, para que os membros da nosa comunidade educativa e xente achegada a nós se implicase no noso traballo.

Velaí tedes o resultado desta fermosa iniciativa chea de creatividade ...


Os nosos parabéns a tant@s e tan extraordinari@s artistas!!

venres, 4 de xuño de 2010

Que vai supoñer o decreto?


Consecuencias do Decreto do Plurilingüismo aprobado pola Xunta de Galicia no ensino non universitario.

Textos: Coordinadora Galega de ENDL

Ilustracións: Serxio Suárez

Música de Quempallou, "Coa lingua de fóra" do disco "Polo aire" (2007)

mércores, 2 de xuño de 2010

Parabéns Moz@s!!


Un ano máis toca despedir unha nova promoción. Alumnado, a maioría, que pasou con nós seis anos da súa vida, aos que lles colles cariño e que no momento da despedida sentes a tristura da marcha endulzada coa visión dese futuro prometedor que os está a agardar.

Unha promoción que nunca esqueceremos, porque non só son un grupo de bos estudantes, senón que, o que é infinitamente mellor, tod@s el@s son unhas extraordinarias persoas que nos fan crer que ese mundo mellor que todos desexamos é posible.

Parabéns Moz@s, o noso maior desexo "May all your dreams come true"!!

(Ah, aprendede moito inglés, francés e chinés -se así vos peta- pero nunca esquezades as vosas raices!!)
Related Posts with Thumbnails