xoves, 27 de maio de 2010

O maior espectáculo do mundo

O maior espectáculo do mundo é...





...tratar aos máis como che gustaría que te trataran a tí.

domingo, 23 de maio de 2010

Xornada Gastronómico-Plambeira en Vide

Que todo non vai a ser traballo, memorias e demáis..., que tamén hai que facer de vez en cando un alto no camiño para tomar folgos e poder continuar nesta tarefa esgotadora de tirar dun carro ao que últimamente se lle están a poñer tantos paus nas rodas... E que mellor xeito de facelo que en Vide, con dúas extraordinarias anfitrionas Sabela e Lurdes e as "Pandereiteiras de Vide" que o deixaron todo para acompañarnos coa súa música e os seus bailes e cancións nun día inesquecible. Entrade en Radio Barullo e disfrutaredes dalgunhas das súas cancións.

Velaí tedes a reportaxe gráfica de "parte" do que alí aconteceu o pasado sábado. Degustación dunhas riquísimas lampreas, a visita ao CEIP de Vide e á súa Veiga, un café coas exquisitas filloas de Teresa -non perdas as mañas...- e a música destas extraordinarias mulleres de Vide na Casa da Auga. Se pode pedir máis para un fermoso día de celebración que se está a converter nun xa tradicional fin de curso plambeiro en Vide?.

O ano que ven, vémonos na Carballeira!!



E non podiamos deixar de facernos eco das respostas a algunha das grandes cuestións que últimamente nos están a quitar o sono e que, tras esta xornada festiva, seique atopou "O HOME das BE". Bueno, así é como el parece sentirse...

"Por que aos funcionarios non nos avalian por obxectivos?
Por que os nosos salarios non dependen da produtividade?

Sabedes por que?

Porque non hai cartos na Xunta para pagar o traballo de mestras como Sabela e Lurdes. O seu traballo supera a xornada letiva. O seu traballo de mestras-compañeiras-amigas é durante todo o día. Poder comprobalo foi todo un luxo.

Que ESCOLA!!!

Que nais as de VIDE!!!
"

venres, 21 de maio de 2010

Vai calor!

xoves, 20 de maio de 2010

Fotopoema do 17 de maio de 2010

Ao acabar o día,
cando no Couto
escoito ao cuco,
miro para a aldea do poeta.

mércores, 19 de maio de 2010

ABALAR... A quen?

A Asociacion de Equipos Directivos da Coruña fai chegar ó Sr. Conselleiro de Educación e a tódolos centros da provincia o seguinte documento no que se valora a adxudicación ós centros do Proxecto ABALAR:

A Asociación de Equipos Directivos da Provincia da Coruña denuncia a grave discriminación por parte da Consellería de Educación dos colexios públicos de educación infantil e primaria no proceso de selección de centros na primeira fase do Proxecto Abalar, de informatización dos centros de ensino dentro do plan Escuela 2.0. Nestas etapas educativa de infantil e primaria (as primeiras e fundamentais etapas do ensino) favorécense aos centros concertados dun xeito “descarado” nas tres áreas da provincia da Coruña: Ferrol, Santiago e A Coruña.

Así a Consellería de Educación favorece ao ensino privado fronte ao público. Mentres aos centros de ensino público lles recorta os gastos de funcionamento para o ano 2010 un 6% aos privados inclúeos de xeito masivo na primeira fase do proxecto ABALAR.

Houbo algúns centros, concretamente colexios públicos integrados, aos que lles dou unha dotación económica específica para instalar a infraestrutura necesaria para participar no proxecto ABALAR e que finalmente non foron incluídos nel. Ningún responsable da Consellería explicou cales foron os criterios seguidos para a selección dos centros participantes realizándose sen ningunha transparencia este proceso.

A relación de centros que se foi publicando na web da Consellería http://www.edu.xunta.es/web/taxonomy/term/242 demostra a clara aposta da Consellería polo ensino privado fronte ao público.

O proxecto ABALAR
Xesús Vázquez Abad: “ABALAR será un referente na implantación das TIC no sistema educativo”
Despois deste anuncio nos medios de comunicación do proxecto ABALAR a falta de información aos centros e a falta de transparencia foi a constante no proceso de selección. Agora atopamos o resultado e supoñemos que ese era o motivo polo que non se nos trasladaba a información.

O proxecto Abalar implicará a dotación dun ordenador para cada alumno. É paradóxico que sendo os centros concertados os que están mellor dotados que os públicos e o alumnado que acude a eles, dada a súa procedencia social, son os que están en mellor situación para ter portátiles, saían favorecidos na implantación deste proxecto. Choca totalmente cun dos plantexamentos "estrela" da Consellería de abandonar a gratuídade dos libros para todos pola gratuídade solidaria para os máis necesitados: os libros gratuitos para quen menos recursos teñen e os ordenadores para as familias de máis recursos.

Esta Asociación esixe que se rectifique e que se inclúan máis centros públicos de infantil e primaria (CEIPs) nesta primeira fase deste importante proxecto de cara a mellora da calidade do ensino. Debería haber máis CEIPs que centros privados para repectar a proporcionalidade destes na rede educativa. Actualmente os CEIPs supoñen escasamente un 10% dos centros seleccionados.

De non ser así pedimos a inmediata dimisión dos responsables deste programa.

Asociación de Equipos Directivos da Provincia da CoruñaPáxina web: http://aedacoruna.org/

Vía Biblioteca Milladoiro-Malpica Grazas !! Difundídeo!!

domingo, 16 de maio de 2010

Letras Galegas X: "Poemas á Rúa"

"Chove pra que eu soñe"

E así comezou o día, chovendo...

Os "Poemas á rúa" convertéronse en "Poemas na Casa do Concello", pero o lugar foi o de menos, o mellor foi o momento no que compartimos o sentir dos poemas de Novoneyra, a lectura coral, da que foron protagonistas todas as persoas alí presentes, da "Letanía de Galicia" dirixida por Tamara Miragalla alumna de 2º de ESO, para rematar cantando Lela e por suposto o Himno Galego.


A recompensa ao traballo feito foi unha fermosa experiencia de música e lecturas compartidas que pensamos repetir e da que a RTVG dará noticia o vindeiro luns á mañá nunha reportaxe sobre a celebración do Día das Letras no programa Bos Días Magazine.

Grazas a todas e todos os que fixéstedes posible que puidéramos celebrar con vós, fóra das paredes do noso centro, o que foi unha xornada festiva chea de emocións.

Tamén en

Radio Barullo

Radio Fusión

sábado, 15 de maio de 2010

Letras Galegas IX: Xornada de Festa!!

Como cada ano o Día das Letras Galegas organizamos distintas actividades que desenvolvemos ao longo de toda a mañá co alumnado da ESO.

Xincana Cultural, Webquest de Uxío Novoneyra , Poemas para un Día"e "Poemas á Rúa" actividade da que mañá teredes cumprida conta.

Velaquí tedes unha mostra do que aconteceu onte en "O Segrel". Como sempre unha gran festa!!



Probas da Xincana Cultural



Programa e "Making of" da xornada.

venres, 14 de maio de 2010

O "Making of" do Día Grande !!

Xa chegou o día, o Día das Letras Galegas, día grande en O Segrel. Pero para chegar ata aquí houbo que percorrer un camiño "miaxiña" esgotador. Decidir actividades, horarios, grupos... e unha vez decidido prepaparalo todo.

Este ano o programa quedou así:

Hora

1º ESO

2º ESO

3º ESO

4º ESO

08:30

Xincana Cultural




10:30

"Poemas á rúa"

Ilustración Poemas

Webquest


12:30

"Poemas para un día"

Xogos Populares

Xincana Cultural


E nesta ocasión decidimos sair á rúa e intentar disfrutar dun fermoso momento de lecturas compartidas cos amigos e veciños e que mellor que facelo cunha pequena escolma de poemas de Novoneyra.

Pero como todo día de festa non pode faltar a música e quen mellor nos podía acompañar nesta ocasión que Samantha Castro, antiga alumna e a voz do grupo Arredemo.

E Samantha chegou hoxe ao cole para ensaiar co noso marabilloso acordeonista Serafín, e para escoitalos houbo quen nin foi ao recreo.

Emocionante !! Veremos se mañá podemos gravalo todo e que o poidades disfrutar vós tamen en Radio Barullo.

xoves, 13 de maio de 2010

Letras Galegas VIII: Novoneyra e a Memoria Histórica

"Desde neno escoitei unha historia aterradora que, corenta anos despois, Uxío retoma para facer un romance: "Manoel de Ribadaira" e así recuperar a memoria histórica. Como en moitos lugares de Galicia, e non só de Galicia, no Courel tamén se practicaban "paseos" contra aquelas persoas que estaban baixo sospeita. Manoel Cela foi unha delas"

Así nos presenta Delio, dende o CPI "Luís Díaz Moreno" de Baralla, o traballo feito sobre este romance... Impresionante!!

mércores, 12 de maio de 2010

Letras Galegas VII: O Poeta do Courel

E dende Biblio Arzúa, Marina, unha namorada da natureza achéganos esta marabillosa visión da poesía de Novoneyra, a través da flora e a paisaxe do Courel, realizada co seu alumnado do Ciclo de Agraria. Extraordinaria!!


martes, 11 de maio de 2010

Letras Galegas VI: "Poemas á Rúa"

Escolma poética elaborada polo alumnado e profesorado participante na actividade "Poemas á Rúa" que terá lugar o vindeiro venres, 14 de maio, na Plaza do Concello de Fene con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.


Dende O Segrel do Penedo, queremos invitar a todos os amigos e amigas do IES de Fene, a que nos acompañen nesta xornada festiva de reivindicación da nosa cultura e a nosa lingua.

Gustaríanos que compartírades con nós ese momento. Podedes traer ese poema, ese texto que para vós é especial e acompañarnos tamen coa súa lectura...

Esperámosvos o venres 14 a partir das 10.30, na Plaza do Concello e se o tempo nos quere xogar unha mala pasada, a concellería de cultura pon á nosa disposición a Sala de plenos. Xa vedes, temos "case todo" previsto, só faltades vós... !!

luns, 10 de maio de 2010

Letras Galegas V: Follarasca Uxío Novoneyra




En Milladoiro tedes un estupendo Slideshare con parte desta "Follarasca"

domingo, 9 de maio de 2010

Letras Galegas IV: Cartel Novoneyra

Dende o CEIP de Pazos (Ferrol), Chispa achéganos este fermoso cartel con motivo do Día das Letras.

Nós, seguindo o seu consello, tamén faremos pegatinas. Grazas Chispa!!

sábado, 8 de maio de 2010

Letras Galegas III: Publicación sobre Novoneyra

Dende o IES Afonso X O Sabio (Cambre) nos chega este libro que entregarán ao alumnado con motivo do Día das Letra.


venres, 7 de maio de 2010

Letras Galegas II: Poesía Visual Novoneyra

Fermosísimo traballo de Marga, coordinadora do ENL do CPI O Progreso de Catoira

xoves, 6 de maio de 2010

Letras Galegas I: Webquest Uxío Novoneyra



Como ven sendo habitual dende hai xa algúns anos, Biblioafonso e O Segrel, como unha máis das actividades encamiñadas á alfabetización en información (ALFIN) do noso alumnado, e que sistemáticamente se están a desenvolver en ambos os dous centros, vimos de elaborar unha webquest dirixida ao alumnado da ESO na que tentamos facer un percorrido sobre a figura de Uxío Novoneyra e a Galicia que lle tocou vivir a este escritor, referente da nosa cultura e a nosa lingua, a quen se lle adica este ano o Dia das Letras Galegas.


Como xa é ben coñecido polos membros da nosa comunidade educativa, o Día das Letras Galegas en O Segrel é un día grande de celebración que este ano terá lugar o venres día 14 cun programa ben interesante con distintas actividades ALFIN, Música e Poemas, Xogos populares... que estamos a ultimar e do que vos daremos cumplida conta.

mércores, 5 de maio de 2010

Recapacita!!

SOBRAN COMENTARIOS!!



Gracias Tonio!!

martes, 4 de maio de 2010

Letras Galegas: Concurso de Poesía

Como ven acontecendo nestes últimos cursos, cando chega o mes de maio, o Departamento de Galego e o Equipo de Normalización Lingüística convocan un Concurso de Poesía.

Nesta ocasión o xurado estivo composto por dous profesores do departamento de lingua castelá (José Luis Villar e Miguelanxo Romero), dous alumnos (Tamara Santamariña de 1º de Bacharelato e Miguel Paz de 2º) e a periodista de Radiofusión Pitusa

O primeiro premio "Máis de noventa outonos" de Ana Armenteros (3º ESO) e o segundo "O último segundo" de Marta Vázquez de 2º de ESO formarán parte do noso libro de "Poemas para un Día" que cada ano, con motivo do Día das Letras Galegas, publica a nosa biblioteca.

Este libriño de poemas será o principal recurso que utilizaremos na celebración das Letras para desenvolver unha actividade que ten como obxectivo principal achegar a poesía e os poetas galegos ao noso alumnado.

Ano tras ano a participación do noso alumnado neste concurso vai en aumento o que se ve reflectido na calidade dos poemas presentados polo que nesta ocasión o xurado decidiu otorgar dous Accesit que recaeron nos poemas "Eu son" de Silvia Iglesias (1º ESO) e "O camiño das ledicias" de Graciela Feal (3º ESO)



En Radio Barullo tedes a entrevista que lle fixeron á nosa flamante gañadora "Ana Armenteros" en A Fenestra de RadioFusión.

Dende O Segrel os nosos parabéns a todos os participantes e animámolos a que non deixen de escribir.

sábado, 1 de maio de 2010

Val a Pena!!

Nestes días, vimos de recibir un fermoso agasallo e ademais por partida doble. @s amig@s de Arquivos do Trasno e O Sorriso da Muralla cren que "Valemos a Pena" que "Val a pena ficar de olho nesse blog!! Grazas mil aos dous por pensar en nós.

Actualizado o 4 de maio... Dende BlogFesquio tamén nos chega este agasallo. Grazas!!

Actualizado o 11 de maio... Dende Belesar outro agasallo máis. Grazas, grazas, grazas....!!

Facía tempo que non veíamos pola rede estes memes que cando chegan sempre nos fan moita ilusión e que por suposto imos cumplir coas condicións que tal presente esixe.

- Publicamos a imaxe do Selo do premio cunha ligazón ao blog que nolo otorgou, neste caso son dous blogues amigos.

- Enlazamos 10 blogues que a nós, os premiados, nos pareza que "Valen a pena".

E agora é cando xurde o problema, é como cando nos piden que elixamos o noso libro favorito. A primeira pregunta é Pero só podo elixir un?, aquí ocorre o mesmo... Pero só 10? E como elixir 10 se só nas Bibes Galegas hai 79 de Infantil e Primaria e 87 de Secundaria? E sen contar co resto de amig@s da blogosfera que seguimos e admiramos. Que podemos facer?

Así que despois de moito matinar, que xa levamos uns días dándolle mil e unha reviravoltas ao tema, decidimos que "Valen a Pena"

- Bibes Primaria
- Bibes Secundaria

Non pensedes que para esta elección nos está a mover ningún outro motivo que non sexa o magnífico traballo que en todos e cada un deles se está a desenvolver, xa que só tedes que facer unha pequena viaxe a través da blogosfera galega para comprobar que esta afirmación é un feito e non unha opinión movida polo agarimo e a amizade.

- Iniciarte
- Píldoras Crumelus
- CEIP Sant Jordi
- ANB
- A profa
- Darabuc
- Poesiaula
-Implicadas

Sinto, como xa comentamos, que non poidan ser máis, quedan moitos aos que seguimos e admiramos e que realmente Val a Pena ollar pra eles, estes son só unha pequena representación do magnífico traballo que se está a facer.

É o noso pequeno agasallo no Día Internacional d@s Traballador@s.
Related Posts with Thumbnails