jueves, 29 de octubre de 2009

Presentación de "Sol de Inverno"

Onte, BlogFesquío e O Segrel, xunto cun bo número de lectores e lectoras, asistimos á presentación de Sol de inverno de Rosa Aneiros na Galería Sargadelos de Ferrol. Unha presentación na que a autora estaba acompañada por Manuel Bragado, director de xerais, que falou de Rosa Aneiros como "unha escritora excelente" e de Sol de Inverno como "a mellor obra de todos os premios xerais". Con eles, unha das cinco persoas escolleitas pola editorial entre lectores e lectoras para formar o xurado do premio e a quen a autora lle pediu que fixera a presentación.

Unha presentación na que, baixo a forma dunha entrevista, Rosa falou das personaxes da súa novela, das que confesou que "todas teñen algo do que aprendín", de Ludivina dixo ser "pola que sentía debilidade", de Inverno "a quen nunca deixei ser feliz porque non me cadraba" , falounos da súa permanente construción da derrotada, da súa historia de perdas e prequenas vitorias que se nega a ver. Falou tamén da recreación do espazo, da importancia da memoria e da identidade, de xogos, trampas... "Toda realidade é un xogo, un xogo de palabras que acaba cadrando", para rematar afirmando que para ela "a literatura é xogar coas túas propias espectativas, pero sobre todo coas dos lectores"

Ao remate, e cando nos acercamos para que nos asinara o noso exemplar de Sol de inverno, non puidemos deixar de confesarlle que disfrutabamos coa lectura dos seus libros, pero que nos encantaba escoitala dende aquela primeira ocasión nas pasadas Xornadas de Clubs de Lectura.

E como non podía ser menos, xa organizamos un encontro cos membros dos clubs de lectura do Fernando Esquío e do Segrel con esta fantástica escritora de Ferrolterra para a vindeira primaveira na Casa da Cultura de Neda.


martes, 27 de octubre de 2009

O Club de Lectura do Segrel no Tibet

O pasado luns celebramos a segunda reunión do club de lectura de rapaces e rapazas de ESO, e aínda que con algunha ausencia por mor dun autobús que non pasou pola parada... a xornada dou ben de si.

Hai quince días, na primeira xornada do club, decidimos que o primeiro libro que leríamos este curso sería "Un loto na neve" de Gonzalo Moure un fermosísimo libro que nos levou ata o Tibet!

Se ben esa viaxe non a realizamos físicamente, o noso espíritu sobrevoou o Monte Everest e soubemos do chamado mal de altura, visitamos Lhasa, subimos ao Potala, escoitamos as fermosas cancións dos traballadores e traballadoras durante a súa longa xornada laboral. Coñecemos aos monxes do Mosteiro de Drepung, vimos rezar aos fieis ante o Templo de Jokhang e contemplamos os seus cilindros de oración, algúns deles tan grandes que hai que rodealos. Os hai feitos dos máis diversos materiais e nós temos un de oso de yak, un animal moi apreciado neste país.

Coñecemos algunhas das tradicións do pobo tibetán, comprobamos que fan a sega como na Galiza de non hai tantos anos, vimos mulleres fiando, entramos na imprenta dun mosteiro, admiramos os seus libros de oracións e falamos de Mantras, Thangkas, Mandalas...

E que dicir da súa música! Aprendemos a tocar un cuenco tibetán e escoitamos unha marabillosa canción típica cantada por un rapaz cunha fermosísima voz.

E xa para rematar aprendemos a poñernos un sari, o noso non é vermello porque eses son para as mulleres casadas e nós aínda somo moi novos... Non diredes que mentimos cando vos dixemos que a tarde dera ben de si, no? Pois isto aínda non rematou, na próxima xuntanza seguiremos falando do Tibet, un pobo marabilloso que nos ten roubado o corazón.

domingo, 25 de octubre de 2009

Xornadas de Bibliotecas Escolares 09

Este fin de semana celebráronse en Santiago de Compostela as Xornadas de Bibliotecas Escolares baixo o lema "Novas lecturas, novos lectores" inauguradas polo Conselleiro de Educación que estivo acompañado polo Director Xeral de Educación e o Director Xeral de Centros.

Unha cita obligada, dende hai xa tres anos, para centos de docentes de toda Galicia -este ano 1.200- aos que nos une un mesmo obxectivo común, poñer en valor as nosas bibliotecas escolares e convertilas nun recurso educativo imprescindible na nosa labor docente.

A organización inmellorable e o programa magnífico:
O venres a conferencia inaugural correu a cargo de Daniel Cassany "Como axudar a aprender a ler aos nativos dixitais" a quen seguiu Luis Iza Dorronsoro que nos falou do "Plan lector de centro".

O sábado comezamos con quen para moitos de nós foi o gran descubrimento destas xornadas, Guadalupe Jover, profesora de lingua e literatura castelá do IES Infanta Elena de Galapagar (Madrid) que tratou o tema "Escola e literatura: A educación do Imaxinario".

Guadalupe comezou a súa conferencia facéndonos unha confesión "las comunidades en las que no se ha apostado por las bibliotecas escolares como en Galicia os miramos con envidia y profunda esperanza" e a partir desa declaración de principios falounos do sentido da lectura, de educación literaria, do lugar que ocupa a literatura na escola do século XXI, de libros que forman lectores e recomendounos tres que dixo non deberíamos deixar de ler:
Michèlle Petit: "El arte de la lectura en tiempos de crisis"
Aidan Chambers: "El ambiente de la lectura"
Tzvetan Todorov: "La literatura en peligro"
Aos que nós engadimos o libro de Guadalupe "Un mundo por leer".

Tras a pausa do café chegou a mesa de experiencias onde varias compañeiras doutros centros falaron do seu Plan Lector de Centro, da súa experiencia cos Clubs de lectura -Fantástica a experiencia do Club de lectura de primaria presentada por Cova do CEIP Brea Segade de Taragoña - e a posta en práctica da chamada "Hora de Ler" - Interesantísima a experiencia do IES Río Miño de Rábade

E despois do xantar tivemos entre nós a Tiscar Lara, un placer poder ver en directo a quen hai tanto que seguimos na rede. O título da súa conferencia "Alfabetizar na cultura dixital".

O remate das xornadas correu a cargo de Glória Durban coa conferencia "A biblioteca escolar, un recurso educativo útil: o desenvolvemento de entornos presencias de aprendizaxe e lectura". A súa páxina "La dinamización de la Biblioteca Escolar" é ben coñecida e utilizada polos docentes que están ao fronte das nosas bibliotecas escolares.

Pero non hai xornadas que non rematen cunha gran sorpresa, e nesta ocasión chegou da man do actor, autor e director galego Carlos Blanco que nos ofreceu un magnífico fin de festa. (Xa en Radio Barullo a través do Canal YouTube de O Segrel)

Parabéns a Cristina Novoa e Pilar Sampedro que ano tras ano fan gala do seu bo facer.


Todos os materiais das Xornadas están dispoñibles na plataforma Moodle da Rede de Bibliotecas Escolares.

Pero para moitos de nós, estas Xornadas tiveron un agasallo especial, polo inesperado. Entre os asistentes atopámonos con Rosa Piquín, pioneira no Traballo por Proxectos gran amiga das Bibes Galegas a quen seguimos e admiramos.

sábado, 24 de octubre de 2009

Día da Biblioteca Escolar



Hoxe, 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca Escolar dun xeito ben festivo. Estivemos nas Xornadas de Bibliotecas Escolares que durante estes dous últimos días celebráronse en Santiago de Compostela baixo o lema "Novas Lecturas, Novos Lectores". Mañá teredes a crónica en O Segrel.

Este ano, o cartel que conmemora esta data foi deseñado por Miguelanxo Prado (A Coruña 1958) un dos nosos autores de BD máis recoñecido a nivel internacional.

jueves, 22 de octubre de 2009

Fetiche

Entre a sorpresa e a nostalxia, Josefita Barallobre atopou a historia dun namorado que gardaba obxectos da súa amada. Recordáballe a aquel noivo habanero que lle cantaba...

lunes, 19 de octubre de 2009

Creando Historias con Anxo Fariña

O pasado venres tivemos o pracer de asistir ao encontro do alumnado de 1º e 2º de ESO con Anxo Fariña coñecido e recoñecido ilustrador, escritor -e non sei cantas cousas máis- galego. Un verdadeiro artista que engaiolou a mozos e non tan mozos.

Comentounos que lle gusta contar historias de todo tipo, para lectores de todas as idades. Que experimenta con cores, estilos, técnicas e que traballa tanto con sistemas tradicionais como con sistemas dixitais. E logo de darnos unhas cantas pistas fomos quen de crear as nosas propias historias, microrrelatos que nun momento provocaron algunhas risas.

Contounos como xurdiron as historias dos Megatoxos. Historias ambientadas na Idade Media, porque segundo nos confesou gústalle a historia e tamén debuxar espadas, e falounos dos Templarios, de Mosteiros, das marcas de canteiro, de gárgolas -un personaxe que non tiña pensado que aparecera no libro pero que xurde despois de tanto visitar estes lugares- e dos personaxes, aos que lles presta especial atención porque para el son o elemento principal da historia. Ensinounos o seu "Moleskine" e puidemos ver bocetos dalgúns deles. Para crealos inspírase na moda, na xente, leva a realidade ao papel. Para el, "un libro é algo vivo que evoluciona segundo o vas escribindo"

Antes de rematar quixo deixar ben claro a importancia do esforzo "ás veces, para facer o que nos gusta temos que facer algo que non nos gusta", "para facer unha cousa ben temos que practicar. Non nos vai sair á primeira"

Adiantounos que está a piques de sair publicado o terceiro libro dos Megatoxos que está ambientado na época da Revolución Industrial e comeza nunha viaxe, unha das súas paixóns "Para min viaxar é unha forma de liberar a mente"

Ante a pregunta dun rapaz que quería saber se lle gustaría facer unha peli dos Megatoxos a Anxo abríronselle os ollos dúas cuartas e soltou un "home claro!" cheo de ledicia, e cando lembra a idea dun amigo de facer un videoxogo non pode reprimir un eufórico "vamos, eu toleaba cun videoxogo, con esas cousas se tolea!"

E falando de cine pedímoslle que nos recomendara algunha película e dounos tres títulos ben diferentes das últimas que tiña visto:

UP: "Unha película de animación -porque me ven do gremio- Pero é unha película estupenda que ten moitas lecturas e moitas dobles lecturas"

Distrito nueve: "Porque aínda que teóricamente é unha película de extraterrestres, en realidade non trata diso. Trata da marxinación, de como somos os seres humanos. Unha película que tamén ten varias lecturas".

Ágora
: "Película histórica do cine español que conta a historia de Hipatia e trata o tema da astronomía que a min me gusta moito"

E logo destas recomendacións insistiunos en que visitáramos o blog dos Megatoxos onde pronto poderemos descargar un capítulo da terceira entrega, para ir abrindo boca. Animounos a que lle escribíramos asegurándonos que, aínda que polo moito traballo ás veces tarda un pouco, el sempre contesta. Así que a partir de agora seguirémolo na blogosfera.

Grazas Anxo por facer deste encontro unha experiencia moi motivadora e por deixarnos os debuxos de Ruxe que colocaremos nun lugar especial en "O Segrel do Penedo"


Axiña en Radio Barullo dende o Canal You Tube de O Segrel

sábado, 17 de octubre de 2009

Xuntos contra a Pobreza

"Xuntos contra a Pobreza" é o lema deste ano no Día Internacional para a erradicación da Pobreza.

O 17 de outubro foi declarado pola ONU no ano 1993, como o Día Internacional para a erradicación da Pobreza co obxectivo de promover unha maior concienciación sobre as necesidades de acabar c0a pobreza no mundo.

No ano 2000, 189 xefes de estado comprometéronse a cumplir os chamados Obxectivos do Milenio entre os que está o de reducir á metade o número de persoas que pasan fame no mundo. Hoxe, nove anos despois, e a tan só seis de chegar á data límite para acadalos (2015) podemos comprobar que esta promesa, como tantas outras, está ben lonxe de cumplirse.

Pero estes obxectivos non son só unha tarefa dos gobernos, todos e todas nós podemos e debemos traballar para conseguilos. Cada un de nós, dentro das súas posibilidades, debería actuar de xeito responsable, debería velos como parte dos seus "Obxectivos de Vida". Rebélate contra a Pobreza!


Xornalistas e ONGs propoñen Sete Claves para comezar a loitar contra da pobreza.

IntermonOxfam achéganos as súas Propostas de Traballo na Aula




Médicos sin fronteras preséntanos o xogo "Y comieron felices"

Otro Mundo es posible danos a súa "Receta para pasar hambre"


O mundo da cultura, do cine, da música... únese tamén neste mesmo obxectivo común:

XUNTOS CONTRA A POBREZA!!

NÓS SOMOS A PRIMEIRA XERACIÓN QUE
PODEMOS ACABAR COA POBREZA EXTREMA!!

A QUE ESTAMOS A ESPERAR??




Non vos perdades o Making Off de "El grito de mi generación"(vídeo 2), fermosísimo exemplo de traballo en equipo, do positivo de sumar, de aunar esforzos en prol dun obxectivo común.

lunes, 5 de octubre de 2009

Vinganza

A principios dos anos 70, James Lovelock, escritor e prestixioso investigador que chegou a traballar para a NASA, fixo pública a hipótese Gaia. É unha visión de como funciona o planeta. Ao parecer, os seres vivos serían capaces de controlar as condicións que permiten a vida. A pesar do interese que suscita esta idea nos ambientes New Age, estamos a falar dun enunciado científico que desde un primeiro momento descarta a posibilidade de que ese control se faga dunha maneira consciente. Estaríamos máis ben a falar dun mecanismo que se autoregula a escala planetaria.

Ata aquí todo ben. Pero unha posible conclusión desta hipótese é que se unha especie é prexudicial para o resto, o planeta podería eliminala. Aí entra o ser humano: de todos é sabido que nos estamos cargando o mundo.

Pois ben, estou en condicións de aportar imaxes que demostran que o resto dos habitantes da Terra veñen a por nós, sen cortarse un pelo nin cos mandatarios internacionais.

A ver como explicades isto:


Que probabilidades hai de que, logo de espantar unha mosca, se che pouse na man e sexas capaz de matala? Que estaba a facer a mosca para non darlle tempo a escapar?

E que me dicides do da semana pasada en Praga, nun ambiente superpulcro e refinado?

E a vós non vos picou ningún bicho este verán?
Related Posts with Thumbnails