viernes, 4 de julio de 2008

Excursión a Asturias

O pasado venres 20 de xuño, despois do marabilloso festival de música no que todos cantamos, bailamos e o pasamos súper grazas á gran dose de paciencia e á grandiosa organización por parte da nosa compañeira Bárbara, un grupo de alumnos e alumnas de terceiro e cuarto de ESO, unha profe e a nai dunha das alumnas partimos de viaxe de fin de curso hacia Asturias.

O traxecto en autobús foi un pouco pesado debido á calor que facía, pero a eso das oito da noite chegamos ao hotel nas aforas de Oviedo. Unha vez nos deron as habitacións, nos refrescamos e repuxemos as forzas cunha boa cea, decidimos ir dar unha voltiña polo centro da cidade, por iso de ir afacéndonos a ela. A primeira impresión foi boa, gustounos bastante o ambiente. A verdade é que Oviedo é unha cidade espectacular.

Ao día seguinte pola mañá saímos ben cedo para Ribadesella onde visitamos a cova de Tito Bustillo, verdadeiro recuncho da arte rupestre que se conserva en moi bo estado. Alí un guía transportounos á época dos nosos antergos hai miles de anos, centenares de estalagtitas e estalagmitas, pinturas con escenas de animais, sinais da súa vida cotiá,...

Rematada a visita á cova xa tocaba comer e fixémolo en Covadonga, que está a celebrar o seu ano xubilar. Pero ademais de comer tamén tivemos tempo para visitar a gruta, a cascada, a basílica que se alza en pleno corazón dos Picos de Europa, e os seus arredores. Xa pola tarde saímos hacia un dos lugares que máis gañas tiñamos de visitar e con máis espectación agardabamos: os Lagos de Covadonga. Temiamos que poidera haber néboa, estabamos nervosos. A estrada sinuosa, as vacas e cabras ollándonos pasar, os bicos dos montes cada vez mais preto, algúns cumes aínda nevados. Por fin vimos o primeiro. Sencillamente marabilloso. Seguimos un pouco máis ata o segundo lago, baixamos do autobús, camiñamos ata a orilla e alí descasamos e admiramos esas estupendas paisaxes.



Os dous días seguintes leváronnos a coñecer máis polo miúdo tanto Oviedo como Xixón. En Oviedo nos levamos unha moi boa impresión da cidade xa que o guía mostrounos unha imaxe distinta á que tiñamos. Unha cidade limpa, de feito a máis limpa de España, unha zona antiga totalmente rehabilitada, a catedral, esculturas espalladas por todos os recantos, imaxes que nos recordaban A Rexenta, curiosidades e anécdotas da novela e do seu autor, o teatro Campoamor,... En Oviedo tamén visitamos Santa María do Naranco e San Miguel de Lillo, xoias do prerrománico asturiano. Ademais estivemos vendo a carreira de fórmula I no auditorio onde nos mesturamos cos grupos de asturianos que incondicionalmente apoian ao seu paisano, anque ultimamente non estea dando moitas alegrías.

Xa o luns día 23 estivemos pasando o día en Xixón coa idea de coñecer a parte máis antiga da cidade, a península de Cimadevilla, e tomar un pouco o sol na fantástica praia de San Lorenzo. Isto último non foi posible porque comezou a chover polo mediodía, pero suplimos o plan inmediatamente por unhas compras nun centro comercial. Na península de Cimadevilla poidemos disfrutar das antigas casas de pescadores rehabilitadas que dan un aire romántico á cidade, a casa e praza de Jovellanos, o monumento chamado "Elogio del Horizonte" de Chillida, no cerro de Santa Catalina, e as magníficas vistas da cidade e o porto que se aprecian desde este lugar.


Algo cansos da visita e as compras voltamos ao hotel para descansar un pouco antes de afrontar unha das noites máis máxicas do ano, a noite de San Xoan, e nada mellor para celebralo que achegarnos ata unha das fogueiras máis importantes de Oviedo, a da praza da catedral. Un escenario magnífico, actuacións de grupos rexionais, cantos asturianos, o lume purificador, rapaces rodeando e saltando a fogueira...

Xa o martes voltamos á casa parando en Cudillero e en Luarca, dúas curiosas vilas mariñeiras.

A experiencia podemos resumila como fantástica, os rapaces estupendos, bos compañeiros, responsables, respectuosos, con moitas gañas de pasalo ben pero sin molestar a ninguén, un exemplo para calquera. Seguide así disfrutando de cada momento sanamente, tédelo todo para ser felices. PODEMOS!!!

jueves, 3 de julio de 2008

Bibliotecas Escolares e Web Social: Unha Colaboración Imprescindible

O Segrel do Penedo tamén estará no III Encontro Edublog. E o fará en compañía das bibliotecas escolares que dun xeito moi diverso utilizan as distintas ferramentas que a chamada Web Social pon ao noso alcance, que non son poucas.

Esta é a presentación coa que explicaremos como entramos a formar parte deste mundo apaixoante, ou desta tolemia colectiva para algúns, que revolucionou as bibliotecas escolares galegas.


Related Posts with Thumbnails